Inicio Carballo ao día Novas A concelleira Milagros Lantes e o xefe da...

A concelleira Milagros Lantes e o xefe da Policía Local participan en Málaga no “Encontro de Cidades para a mellora da mobilidade urbana”

As xornadas, organizadas pola Dirección Xeral de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias, celébranse os días 6 e 7

Mércores 6 de febreiro do 2019

Os representantes dos concellos de Betanzos e A Coruña, o director xeral de Tráfico, a concelleira Milagros Lantes e o xefe da Policía Local de Carballo

Os representantes dos concellos de Betanzos e A Coruña, o director xeral de Tráfico, a concelleira Milagros Lantes e o xefe da Policía Local de Carballo

A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, e o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, participan no 5º Encontro de Cidades para a mellora da mobilidade urbana, que comezou hoxe en Málaga.  A cita, organizada pola Dirección Xeral de Tráfico en coordinación coa Federación Española de Municipios e Provincias, celébrase durante as xornadas de hoxe e mañá, e ten como finalidade “difundir, promover e impulsar as boas prácticas de mobilidade urbana a través do intercambio de coñecementos, experiencias e boas prácticas entre os diferentes sectores implicados a nivel local”, tal como explica a propia DXT.

O lema escollido nesta quinta edición é “Cara a unha nova mobilidade urbana”, tendo en conta que o modelo de mobilidade está a cambiar, sobre todo nas cidades, nas que a proliferación doutros medios de desprazamento máis acordes á sustentabilidade e o medio ambiente teñen que convivir co vehículo privado. Esta convivencia ten ante si o reto de garantir a seguridade de todos os usuarios, especialmente os vulnerables, cuxa importancia está a aumentar cos novos modelos de mobilidade.

“A seguridade viaria –explican dende a DXT- é unha responsabilidade compartida na que os diferentes actores deben actuar desde os seus respectivos ámbitos, axuntando esforzos para alcanzar o obxectivo dunha mobilidade segura, ecolóxica e conectada. Con esta filosofía, o encontro diríxese a todas as persoas e organizacións que están a traballar en seguridade viaria: departamentos de tráfico e mobilidade; departamentos de medios ambiente, saúde e asuntos sociais; centros de formación, universidades e institutos de investigación; asociacións cidadás e de consumidores…”.

Entre os máis de 300 inscritos están os concellos de Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Sevilla, Málaga, Vigo, Murcia, Avilés, Pontevedra, A Coruña e Betanzos. Cos representantes destas dúas últimas e co director da DXT, Pere Navarro, aparecen Milagros Lantes e Roberto Mosquera na fotografía desta primeira xornada. Tamén están presentes a Rede de Cidades que Camiñan, da que forma parte o noso concello, e a Rede de Cidades pola Bicicleta.

Durante estes dous días abordaranse moitos dos temas que incumben á mobilidade urbana e que están estruturados en mesas de traballo sobre plans de mobilidade urbana sustentable, cara a un modelo de cidades medioambientalmente sustentable, seguridade viaria laboral no ámbito urbano, regulación do tráfico urbano, a bicicleta e a moto no ámbito urbano e espazos urbanos de prioridade peonil.

Dende a Dirección Xeral de Tráfico destacan que a zona urbana é a contorna vital da inmensa maioría da poboación. Durante 2017, último ano con datos consolidados, a maioría dos accidentes con vítimas tivo lugar en vías urbanas, concretamente seis de cada dez, e neles faleceron 509 persoas.

Compartir: