Inicio Carballo ao día Novas A Casa do Concello iluminouse de cor verde no...

A Casa do Concello iluminouse de cor verde no Día Mundial contra o Cancro coma símbolo da loita contra a enfermidade

A xunta local da Asociación contra o Cancro deu a coñecer a campaña "Achégate á miña realidade" á veciñanza

Luns 4 de febreiro do 2019

Membros da corporación, da xunta contra o cancro e veciñanza en xeral reuníronse diante do Concello

Membros da corporación, da xunta contra o cancro e veciñanza en xeral reuníronse diante do Concello

Carballo sumouse á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro con dous actos organizados pola xunta local da Asociación Española contra o Cancro coa colaboración do Concello.

O primeiro tivo lugar pola mañá, coa instalación dunha mesa informativa ás portas da casa consistorial ata a que se achegaron numerosas persoas. Mulleres que forman parte da xunta contra o cancro ofreceron información e repartiron folletos da campaña Achégate á miña realidade, encamiñada a conseguir que tanto os doentes coma os seus familiares poidan ter acceso a unha atención psicolóxica de calidade, personalizada e gratuíta, xa que máis da metade das persoas afectadas por cancro experimentan na súa vida cotiá elevados niveis de malestar emocional.

Evencio Ferrero achegouse pola mañá á mesa informativa

Evencio Ferrero achegouse pola mañá á mesa informativa

Durante as dúas horas que estivo instalado o posto achegáronse ata el varios membros da corporación municipal, entre eles o alcalde, Evencio Ferrero, que conversou coas representantes da asociación sobre a importancia da información e da implicación social.

Pola tarde, coincidindo co acendido do alumeado público, a Casa do Concello iluminouse de verde. Con este xesto simbólico, que reuniu a un bo grupo de persoas, a asociación e o Concello de Carballo quixeron contribuír a darlle maior visibilidade a unha enfermidade moi presente na sociedade e a reivindicar un maior esforzo en investigación para atopar a cura que todas e todos desexamos.

Compartir: