Inicio Carballo ao día Novas A rede de espazos públicos de Carballo...

A rede de espazos públicos de Carballo medra e modernízase coa nova skate-praza e o parque infantil cuberto

Aínda que os usos lúdicos sexan predominantes, as dúas áreas están deseñadas para o desfrute de toda a veciñanza

Venres 25 de xaneiro do 2019

Hoxe estase a traballar na skate-praza, que está case a punto

Hoxe estase a traballar na skate-praza, que está case a punto

A skate-praza e o parque infantil cuberto son dous claros exemplos da política municipal que pretende converter á cidadanía na protagonista do espazo público. Por iso, en ámbolos dous proxectos non só se tiveron en conta as reiteradas peticións dun sector da mocidade, no primeiro caso, e de moitísimas familias con nenos pequenos, no segundo, senón tamén a necesidade de converter as prazas e os parques en lugares de desfrute, descanso e ocio para todas e todos.

A Skate-Praza Rego da Balsa, como pode lerse xa no gran letreiro de pedra que se está a colocar hoxe, estará moi pronto a disposición da veciñanza. Este proxecto, pioneiro na Costa da Morte, naceu con dúas finalidades: dende o punto de vista urbanístico, completar a ordenación do solo de equipamentos nese ámbito cunha solución que lle dá continuidade á biblioteca, convertida xa nun gran elemento dinamizador de toda esa contorna; dende o punto de vista social, a nova praza, deseñada polo mesmo arquitecto que a biblioteca, mantén a filosofía de flexibilidade, dinamismo e intercambio social.

Con ese obxectivo, a skate-praza dálle continuidade ao patio central da biblioteca, que poderá utilizarse a partir de agora coma bibliopraza e zona de xogos. Tamén hai unha área de estancia con sol e sombra para usuarios/as de diferentes idades, unha franxa pavimentada para a práctica do baile ou slalom e a skate-praza, pensada para o público adolescente e non tanto que vén reclamando este tipo de equipamentos. O investimento acada os 145.200 euros.

No Parque do Anllóns xa están desmanteladas as zonas de xogos

No Parque do Anllóns xa están desmanteladas as zonas de xogos

Pero se este proxecto está a piques de rematar, noutro espazo que tamén ten nome de río, o Parque do Anllóns, veñen de empezar os traballos de reordenación da zona de xogos e instalación dunha cuberta que permita mellorar o aproveitamento do parque ao longo do ano.

A actuación, que ten un orzamento de 135.386,90 euros, inclúe a reorganización das zonas de xogos para facilitar o desfrute dos nenos e nenas, polo que será preciso substituír parte dos pavimentos para adaptalos aos novos usos. Os xogos distribuiranse en dúas zonas nas que se instalarán cubertas sustentadas cunha estrutura formada por perfís de aceiro en cor vermella, a modo de marquesiñas cubertas con paneis de policarbonato de distintas cores para protexer da choiva aos nenos e nenas pero permitindo o paso da luz. Aproveitando a reorganización do espazo crearase tamén unha zona de reunión e descanso na que se garantirá a sombra coa plantación de árbores de ribeira.

Compartir: