Inicio Carballo ao día Novas Concello e Cruz Vermella achegarán as...

Concello e Cruz Vermella achegarán as novas tecnoloxías aos maiores a través de cursos de manexo de teléfonos móbiles

Os talleres, que serán de balde, organizaranse en todas as parroquias nas que haxa un número mínimo de persoas inscritas

Mércores 16 de xaneiro do 2019

O Concello de Carballo quere familiarizar coas novas tecnoloxías de uso cotiá ás persoas maiores. Con esa intención, e en colaboración coa Asemblea Local da Cruz Vermella, a partir do mes que vén porá en marcha unha serie de cursos de manexo de teléfonos móbiles en todas as parroquias nas que exista un mínimo de inscricións.

Para intentar chegar a todo o territorio e ao maior número de interesados/as posible, nos últimos días enviáronse cartas informativas ás asociacións das diferentes parroquias pedindo a súa colaboración, así coma a dos consellos parroquiais, na difusión da iniciativa. Tamén se colocarán carteis nos vindeiros días en todas as parroquias.

Pensando nos nosos maiores, na alta demanda que teñen actividades coma a de exercicio físico, e tendo en conta as peticións recollidas en diferentes consellos parroquiais, este ano pretendemos poñer en marcha novas iniciativas que contribúan a encher o tempo de ocio da terceira idade pero tamén a dotalos de ferramentas necesarias para a vida diaria.

As persoas interesadas en participar nos cursos de manexo dos teléfonos móbiles poden inscribirse ata o 25 deste mes cumprimentando a ficha que pode descargarse ao final desta nova, e que tamén estará dispoñible e poderá entregarse na Casa do Concello e no Pazo da Cultura, así coma nos centros sociais das parroquias.

En función do número e o lugar de residencia dos veciños e veciñas inscritos elaborarase, en coordinación coa Cruz Vermella, o calendario dos cursos en cada parroquia. En cada grupo poderán participar entre 8 e 12 persoas, dado que se trata dunha formación moi personalizada, e en principio impartiranse 3 sesións de dúas horas de duración cada unha.

Descargas

Compartir: