Inicio Carballo ao día Novas Recollidos 6.072 quilos de aceite usado nos cinco...

VEN BUSCAR O TEU CALENDARIO "VERDE" DE BALDE!

Recollidos 6.072 quilos de aceite usado nos cinco primeiros meses de funcionamento do novo sistema de colectores

En marcha o primeiro lavado do ano dos colectores de residuos sólidos urbanos

Xoves 10 de xaneiro do 2019

Pide o teu funil na Casa do Concello. É de balde!

Pide o teu funil na Casa do Concello. É de balde!

Dende a instalación dos novos colectores de aceite estamos a recoller unha media de algo máis de 1.200 quilos ao mes. O sistema empezou a funcionar en agosto, e nestes cinco meses foron recollidos un total de 6.072 quilos que, se acabasen nos sumidoiros, suporían a contaminación de 6.679.200 litros de auga. 

Nestes momentos hai 22 puntos de recollida, a maior parte distribuídos polos distintos barrios do casco urbano. Pero a experiencia piloto que iniciamos en Razo, Pedra do Sal e Berdillo tamén se estende polas parroquias a petición da veciñanza, e nestes momentos tamén hai contedores en Ardaña e Sísamo, nos que, debido á súa recente instalación, aínda non hai datos de recollida.

Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables ás botellas, que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).

Lavado de contedores

Lavado dos contedores na Milagrosa

Lavado dos contedores na Milagrosa

A empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos, Urbaser, puxo en marcha esta semana o primeiro lavado de contedores do ano. Antes do Nadal limpáronse os colectores verdes e amarelos, e a campaña actual céntrase nos de papel e cartón, vidro e, de novo, os verdes de residuos orgánicos, que son os máis numerosos e teñen moito máis uso ca os específicos.

No municipio de Carballo temos nestes momentos 2.775 colectores: 1.705 verdes de residuos orgánicos, 479 amarelos para envases, 342 de papel e cartón e 249 de vidro. Dende o Concello de Carballo lembramos que o cartón debe depositarse pregado, que os residuos orgánicos deben ir en bolsas pechadas e que, polo contrario, nos colectores amarelos os envases deben introducirse soltos ou en bolsas abertas, facilitando deste xeito o depósito.

Calendarios

Hoxe, coincidindo co mercado, repartíronse calendarios

Hoxe, coincidindo co mercado, repartíronse calendarios

Este tipo de información útil está dispoñible no calendario de parede que estamos a repartir de balde tanto nos edificios públicos coma nas feiras desta semana. Hoxe distribuíronse máis de 400 no posto instalado na rúa Coruña, e o domingo haberá un novo reparto tanto no centro coma no Campo da Feira.

Compartir: