Inicio Carballo ao día Novas A Unidade de Estranxeiría e...

A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional tramitou o ano pasado un total de 14.176 DNI e pasaportes

As persoas que precisen utilizar o servizo poden pedir cita a través de Internet, chamando ao 060 ou de xeito presencial nas dependencias da Casa do Concello

Martes 8 de xaneiro do 2019

O alcalde felicitou o ano ao persoal da oficina

O alcalde felicitou o ano ao persoal da oficina

A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional, que ten a súa sede na planta baixa da Casa do Concello, tramitou o ano pasado un total de 14.176 documentos, concretamente 11.860 DNI e 2.316 pasaportes. O servizo entrou en funcionamento en marzo do 2017, e as cifras indican que o número de usuarios/as vai en aumento.

A maior afluencia coincide cos meses de verán e o Nadal, dúas épocas nas que se dispara o número de veciños e veciñas residentes no estranxeiro que, aproveitando as vacacións, renovan os seus documentos de identidade. As familias con nenos/as tamén soen aproveitar as datas nas que non hai cole. Pero o que si se percibe ao longo de todo o ano é o carácter supracomarcal do servizo. A de Carballo é xa a unidade de referencia para a veciñanza de toda a Costa da Morte, e mesmo ten prestado atención a persoas das catro provincias ou doutras comunidades autónomas.

A Unidade de Estranxeiría e Documentación de Carballo conta cun equipo de traballo integrado por seis persoas: tres policías e tres administrativos/as. A oficina está aberta de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo desde a rúa Cervantes. Nese mesmo horario pode solicitarse cita de maneira presencial, aínda que tamén pode pedirse online a través da páxina www.citapreviadnie.es ou chamando ao teléfono 060.

Compartir: