Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobados novos investimentos por case 700.000...

Aprobados novos investimentos por case 700.000 euros na última Xunta de Goberno Local do ano

A dotación de servizos na avenida de Fisterra, o acondicionamento dunha praza en Aldemunde, a reforma do espazo do lavadoiro de Entrecruces e a conexión dos puntos de luz “de tanto alzado” son os catro novos proxectos que se licitarán

Luns 17 de decembro do 2018 Carballo ao día

Na última Xunta de Goberno Local do 2018, celebrada esta mañá, foron aprobados os expedientes de contratación de catro novos proxectos encamiñados a mellorar a prestación de servizos á cidadanía e a seguir atendendo as prioridades que van marcando os consellos parroquiais. Son os seguintes:

  • O proxecto máis cuantioso, cun orzamento de 497.590,03 euros, consistirá na instalación dos servizos urbanísticos ao longo do treito urbano da AC-552 no que está prevista a construción dunha senda peonil e ciclista semellante á de Bértoa. Coma neste caso, o Concello de Carballo asume o custe do soterramento das redes de electricidade, telecomunicacións e alumeado, a renovación das canalizacións de abastecemento de auga pola marxe dereita, a execución dun novo treito de rede de saneamento pola mesma marxe e a ampliación da plataforma da vía local que bordea o enlace da AG-55 coa estrada comarcal. A actuación desenvolverase entre os quilómetros 32+620 e 33+470 pola marxe esquerda e entre o 32+620 e o 33+240 pola dereita, é dicir, no treito urbano da futura senda que unirá o núcleo urbano de Carballo e Montecelo (Coristanco) e que está prevista no plan de sendas da Xunta de Galicia.

O espazo público que rodea a antiga escola de Aldemunde converterase nunha praza

O espazo público que rodea a antiga escola de Aldemunde converterase nunha praza

  • Outro dos proxectos que sairá a licitación nos vindeiros días é o de acondicionamento de praza pública en Aldemunde, respondendo deste xeito a unha petición do Consello Parroquial. A actuación, que ten un orzamento de 112.873,63 euros, permitirá mellorar o espazo público que rodea á antiga escola, que se utiliza como campo a festa. Tal como figura no proxecto, a obra incluirá a demolición de escaleiras, muros exteriores, beirarrúa e palco da música, limpeza e regularización do terreo para acometer a mellora proxectada. O novo campo terá unha zona pavimentada en formigón, muro de pedra con varanda de madeira, novos servizos e máis árbores, xa que se plantarán 4 carballos e castaños. A vella escola será pintada por fóra para mellorar o seu aspecto e a escaleira actual será substituída por unha rampla. Con esta intervención dignificarase unha zona incluída no ámbito de protección de patrimonio da igrexa de Santa María Magdalena.

Recreación do futuro espazo público do lavadoiro do Piñeiro

Recreación do futuro espazo público do lavadoiro do Piñeiro

  • Tamén se puxo en marcha hoxe o proceso para a contratación das obras de reforma e adecuación do espazo público do lavadoiro do Piñeiro, na parroquia de Entrecruces, que tamén foi unha proposta do Consello Parroquial. O investimento acada os 53.261,90 euros. No perímetro da actuación atópanse un muíño e hórreos incluídos no catálogo de protección do PXOM e que a actuación prevista poñerá en valor. Con ese obxectivo procederase á demolición do lavadoiro existente, chanzos, muros, varandas e soleira de formigón para crear un novo espazo con muros e pavimento de pedra, rampla  de acceso, novo lavadoiro e varandas. As canalizacións de auga potable serán substituídas e soterradas e construirase unha presa no regato para o abastecemento do lavadoiro. Tamén se limpará e restaurará a fonte.

  • O cuarto proxecto que arrancou hoxe, por importe de 23.000 euros, é o correspondente ao contrato administrativo mixto de subministro e obras de conexión aérea de puntos de luz “de tanto alzado” a cadros existentes no alumeado público das parroquias de Artes, Berdillo, Bértoa, Cances, Entrecruces e Lema. O obxectivo é incorporar estes puntos de luz ao sistema municipal de alumeado, cambiando as vellas luminarias de vapor de sodio por lámpadas tipo led, máis eficientes, o que permitirá mellorar o servizo e abaratar a factura.

Outros asuntos

Na Xunta de Goberno Local tamén foron aprobadas un total de 41 axudas a familias para actividades de conciliación no verán, o convenio coa Deputación da Coruña para a posta en marcha dun espazo de traballo colaborativo, facturas por importe de 74.030,11 euros, gratificacións a traballadores/as municipais por traballos extraordinarios fóra da xornada habitual, licenzas urbanísticas e un convenio de colaboración coa Asociación Antidroga Vieiro por importe de 6.000 euros para cofinanciar o programa de prevención da exclusión social.

Compartir: