Inicio Carballo ao día Hemeroteca A concesionaria do servizo de alumeado iniciou...

A concesionaria do servizo de alumeado iniciou pola parroquia de Entrecruces a instalación dos 138 novos puntos de luz

A empresa espera completar a colocación dos focos antes de que remate o ano

Luns 3 de decembro do 2018 Carballo ao día

A instalación dos puntos de luz comezou no lugar de Taboada

A instalación dos puntos de luz comezou no lugar de Taboada

A empresa concesionaria do servizo de alumeado no concello de Carballo, Ferroser, iniciou hoxe a instalación dos 138 novos puntos de luz que figuran na ampliación do contrato asinada o venres pasado. Os primeiros colocáronse no lugar de Taboada, na parroquia de Entrecruces, que será, precisamente, a máis beneficiada, cun total de 26 focos.

A maior parte dos puntos de luz teñen coma finalidade mellorar a seguridade viaria na zona rural. Despois das visitas de campo realizadas con membros dos consellos parroquiais acordouse a instalación de 110 novos focos, principalmente en cruces de vías e puntos de tránsito habitual de peóns. Os outros 28 teñen coma finalidade achegar o servizo a vivendas de nova construción que carecían del.

O Concello de Carballo aboará por este servizo un total de 14.661,12 euros ao ano, que inclúen o subministro e a instalación das luminarias led, os gastos de consumo e o mantemento. Os puntos de luz distribuiranse do seguinte xeito: Aldemunde, 3; Bértoa, 19; Ardaña, 5; Artes, 7; Berdillo, 10; Cances, 3; Sísamo, 4; Entrecruces, 26; Goiáns, 6; Lema, 14; Noicela, 7; Oza, 4; Razo, 2; Rebordelos, 8; Rus, 12, e Sofán, 8. A empresa agarda que estean todos colocados antes de fin de ano.

Compartir: