Inicio Carballo ao día Novas A arte contemporánea segue conquistando...

A 2ª EDICIÓN DESENVOLVERASE ESTA FIN DE SEMANA

A arte contemporánea segue conquistando espazos urbanos a través da iniciativa “Somos rúa, facemos arte”

O alumnado dos colexios Xesús San Luís Romero e A Cristina e do IES Alfredo Brañas participará nas actividades matinais do venres

Luns 12 de novembro do 2018

Unha das intervencións artísticas que se realizou o ano pasado

Unha das intervencións artísticas que se realizou o ano pasado

Escultura, música e danza son as tres manifestacións artísticas que trasladaremos este ano ao espazo urbano de Carballo a través da iniciativa Somos rúa, facemos arte. Nesta segunda edición, prevista para esta fin de semana, contaremos con Basilisa Fiestras, Christian Villamide, Trópico de Grelos e a compañía de danza Exire para achegar a arte contemporánea á nosa vila e implicar á cidadanía na utilización de rúas e prazas como espazos de creación artística.

Dentro desa aposta pola implicación da cidadanía, achegando arte contemporánea ao espazo urbano de Carballo, Somos rúa, facemos arte promove tamén a participación de diferentes colectivos. O ano pasado sumáronse Aspaber e CreaFormas, e nesta ocasión contaremos con alumnado dos colexios Xesús San Luís Romero e A Cristina, así coma do IES Alfredo Brañas, nas actividades matinais do venres.

O obxectivo é que a veciñanza non sexa só espectadora, senón que participe activamente nas actividades que se van desenvolver na Praza do Concello, e que serán totalmente abertas. Este ano conquistaremos novos espazos urbanos co espectáculo O bloco afro, un dos máis soados de Trópico de Grelos, que discorrerá dende a ponte de Isabel II, xunto ao mural A pena da moura, ata a Praza do Concello.

Que, quen, cando e onde

  • Arte contemporánea con Basilisa Fiestras: Ritmos do corpo (escultura – instalación): venres 16 (de 10.00 a 14.00h. e de 16.30 a 18.30h.) e sábado 17 (de 11.00 a 14.00h.). Praza do Concello.
  • Arte contemporánea con Christian Villamide: Dialéctica do territorio (escultura – instalación): venres 16 (de 10.00 a 14.00h. e de 16.30 a 18.30h.) e sábado 17 (de 11.00 a 14.00h.). Praza do Concello.
  • Percusión con Trópico de Grelos: O bloco afro (percusión en movemento con coreografía): sábado 17. Saída ás 19.30h. dende a rúa Fomento ata a Praza do Concello.
  • Danza con Cía. Exire (Alba Fernández + Estefanía Gómez): Nexos. Domingo 18 (13.00 horas). Praza do Concello. 

Descarga o programa detallado máis abaixo!

Descargas



Galería

Compartir: