Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo inviste máis de...

O Concello de Carballo inviste máis de 325.000 euros en obras de reurbanización de rúas na zona de Pedra Furada

As actuacións están previstas no PXOM e son financiadas con cargo ao Plan Único POS+ 2017 Adicional da Deputación da Coruña

Mércores 7 de novembro do 2018 Carballo ao día

Obras de reurbanización en marcha na zona de Pedra Furada

Obras de reurbanización en marcha na zona de Pedra Furada

A zona de Pedra Furada está en obras desde hai algúns días e seguirá así durante un tempo, xa que ademais da reurbanización das dúas rúas nas que se está a traballar nestes momentos, no mesmo ámbito tamén se acometerán en breve as dúas fases do proxecto da rúa Cándido González Tiradas, adxudicadas o mes pasado. Trátase de actuacións illadas previstas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que son financiadas con cargo ao POS+ 2017 Adicional e que permitirán, ademais de acondicionar as rúas, dotar de servizos a ese ámbito urbano.

A empresa Lancer Proyectos y Obras está a acometer xa a reurbanización das rúas situadas entre Alcalde Peinador e Alcalde Bolón, por unha banda, e entre Alcalde Bolón e Alcalde Monteagudo, por outra, cun investimento de 145.737,23 euros. Son vías nas que practicamente non existe ningún servizo e mesmo están sen pavimentar. O proxecto inclúe a instalación de redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, enerxía eléctrica, alumeado, gas, telefonía e cable non só nesas rúas que aínda non teñen nome, senón tamén nas da contorna: Alcalde Peinador, Alcalde Bolón, Alcalde Monteagudo e Mirtos. En canto á actuación en superficie crearanse nestas novas rúas beirarrúas a ámbolos lados, aparcamentos e carrís de circulación. Tamén se colocarán papeleiras e contedores e o rodadura despois da instalación das infraestruturas precisas.

Nese mesmo ámbito acometerase a reurbanización da rúa Cándido González Tiradas. O proxecto divídese en dúas fases, que veñen de ser adxudicadas á mesma empresa por 86.952,66 e 92.949,05 euros, respectivamente. A primeira desenvolverase nunha superficie de 630 metros cadrados, concretamente entre o cruce coa rúa Antonio Vázquez Mouzo e a Alcalde Monteagudo, e a segunda, entre Antonio Vázquez Mouzo e Rodríguez Sesmeros, cunha superficie de 943 metros cadrados. O obxectivo, como no caso anterior, é dotar a rúa de todos os servizos urbanísticos, dos que agora carece, e proceder á pavimentación da zona de circulación e á construción de beirarrúas. O proxecto complétase co pintado das zonas de aparcamento e os carrís, a colocación de papeleiras e a plantación de árbores e crecemento lento.

Compartir: