Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Igualdade e Benestar...

A Concellaría de Igualdade e Benestar súmase á celebración do Día Internacional da Nena para reivindicar os seus dereitos

A metade das intervencións que realiza cada ano o servizo de apoio familiar do Concello de Carballo son con menores

Mércores 10 de outubro do 2018

A concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, non quere deixar pasar de longo o Día Internacional da Nena, que se celebra o 11 de outubro, porque a procura da igualdade entre os xéneros e o empoderamento das mulleres, tamén das nenas, é un obxectivo que o Concello de Carballo comparte coa ONU. Foi precisamente a Organización das Nacións Unidas a que comezou a celebrar esta xornada, hai agora sete anos, porque malia desempeñar un papel fundamental no fogar, na sociedade e na economía, unha ampla porcentaxe de nenas en todo o mundo están en desvantaxe con respecto aos nenos e sofren discriminación de xénero.

Coa conmemoración do 11 de outubro preténdese fomentar o recoñecemento dos dereitos das nenas e dar a coñecer á opinión pública os problemas excepcionais que afrontan en todo o mundo, e que as sitúa entre os grupos de poboación máis vulnerables e fráxiles.

A contribución da Concellaría de Igualdade e Benestar a esta xornada consiste na difusión dun cartel que recolle parte dos motivos que levaron á ONU a establecer a celebración do Día Internacional da Nena, e a imaxe dunha nena convertida na superheroína disposta a pelexar pola igualdade de oportunidades.

A concelleira Maica Ures considera prioritaria a defensa dos dereitos das nenas e dos nenos, xa que a infancia é o sector da sociedade máis vulnerable ante os conflitos sociais, políticos, económicos ou familiares. Os datos tamén están aí a nivel municipal, xa que máis da metade dos/as usuarios/as do servizo de apoio familiar do Concello de Carballo son menores.

Compartir: