Inicio Carballo ao día Novas A plataforma contra os parques eólicos...

24 E 25 DE XUÑO, FESTIVOS LOCAIS DO 2019

A plataforma contra os parques eólicos Bustelo-Campelo-Toural interveu no pleno para solicitar o apoio da corporación

Aprobadas dúas novas bonificacións de impostos para outras tantas empresas

Martes 25 de setembro do 2018

A presenza dun numeroso grupo de afectados polos proxectos dos parques eólicos do Campelo, Bustelo e Monte Toural volveu a demostrar que o salón de plenos do Concello de Carballo é un espazo aberto ás reivindicacións veciñais.  A través dun detallado e ben argumentado escrito que pode descargarse ao final desta nova, a plataforma veciñal que se opón a estes tres proxectos, contra os cales xa presentou tamén alegacións o propio Concello de Carballo, explicou os motivos da súa postura e solicitou o apoio da corporación. Ese respaldo podería materializarse, se así o consideran os grupos que a integran, no próximo pleno.

A intervención dun portavoz da plataforma foi o máis destacado da sesión, na que tamén se ofreceron os datos da conta xeral do 2017. Malia pechar o ano cun saldo positivo de 4.263.028,48 euros, un remanente de 9.329.897,52 e un aforro neto de 4.036.965,40 euros, o Concello de Carballo cumpriu a regra de gasto por só 6.220,18 euros. O alcalde, Evencio Ferrero, amosouse, unha vez máis, moi crítico coa política estatal neste sentido.

O portavoz da plataforma falou antes dos rogos e preguntas

O portavoz da plataforma falou antes dos rogos e preguntas

No pleno deste luns foron aprobados por unanimidade os festivos locais para o ano 2019, que serán o 24 e o 25 de xuño, coincidindo coas festas patronais. Tamén foi unánime o respaldo dos concelleiros e concelleiras ás solicitudes de bonificación de impostos presentadas por dúas empresas: Industrias Plásticas del Noroeste, que obterá un desconto do 95% no ICIO, e San Juan Aislamientos y Embalajes, que xa o tramitou tamén para IBIU e IAE.

No apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse pola construción dun muro en Vilar de Cidre, o abandono da antiga sala de festas A Revolta, a instalación de puntos de luz, as obras da rúa Sol e os accidentes de tráfico. TeGa, pola súa banda, preguntou polas becas, a información sobre os consellos parroquiais, a roza de vías, a praza de inspector da Policía Local, a rotura da rede de auga na rúa Rosalía de Castro, o informe de reparos da Intervención municipal e o control horario do persoal, entre outras cuestións.

Descargas

Compartir: