Inicio Carballo ao día Novas Un total de 63 nenos e nenas de 5º e 6º...

Un total de 63 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria participaron na primeira experiencia de bicibús

A Semana Europea da Mobilidade chegou hoxe á súa fin no CEIP Bergantiños

Luns 24 de setembro do 2018

O alumnado do Bergantiños que participou no bicibús, á saída do cole

O alumnado do Bergantiños que participou no bicibús, á saída do cole

A Semana Europea da Mobilidade no noso concello alongouse ata hoxe, último día da experiencia piloto do bicibús coa participación de 28 alumnos e alumnas do CEIP Bergantiños. En total foron 63 os nenos e nenas de 6º curso de Primaria (no Xesús San Luís Romero tamén participaron os/as de 5º) os que, por un día, cambiaron o coche, o autobús ou o pedibús polo bicibús. A iniciativa resultou todo un éxito, tanto pola excelente acollida que tivo entre o alumnado, disposto incluso a repetir a diario, coma pola ausencia absoluta de incidentes grazas ao bo facer do Club Ciclista Carballo a un Paso e á colaboración da Policía Local.

Milagros Lantes fixo un balance moi positivo da experiencia do bicibús e de toda a Semana Europea da Mobilidade, que serviu para poñer en valor a política de promoción e recuperación dos espazos urbanos para o desfrute da cidadanía

O bicibús púxose en marcha o mércores pasado no CEIP A Cristina coa participación de seis nenos e nenas. O San Luís Romero tomou o relevo o xoves cun total de 12 alumnos e alumnas, e a asistencia seguiu aumentando o venres ata 17 no CEIP Artai. Hoxe foi preciso facer tres rutas debido á diversidade de procedencias do alumnado do Bergantiños: unha saíu da Brea e atravesou Carballo pola Gran Vía e Ponte da Pedra, outra comezou no Outeiro de Sísamo e chegou ao cole pola avenida de Malpica, e a terceira e máis numerosa arrancou desde a praza do Outeiro (xulgados) e pasou por Luis Calvo e Fábrica. En todo momento os nenos e nenas estiveron acompañados por monitores do Club Ciclista Carballo a un Paso, pero o obxectivo desta iniciativa é dotar aos participantes das ferramentas precisas para que poidan ir sos.

A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, agradeceu a implicación do Club Ciclista e realizou unha valoración moi positiva da experiencia, que de cara ao vindeiro ano mesmo podería ampliarse a outros cursos. Milagros Lantes tamén cualificou como excelente o balance de toda a Semana Europea da Mobilidade pola boa acollida que tiveron todas as actividades, cunha participación moi alta, e porque serviron para poñer en valor a política de promoción e recuperación dos espazos urbanos para o desfrute da cidadanía.

Na galería inferior atoparedes un resumo da semana en imaxes.



Galería

Compartir: