Inicio Carballo ao día Novas Iniciadas as obras de acondicionamento de 130...

Iniciadas as obras de acondicionamento de 130 novas prazas de aparcamento en cinco espazos do centro urbano

A bolsa de estacionamentos gratuítos en parcelas municipais e solares cedidos pola propiedade acada agora as 2.160 prazas

Xoves 13 de setembro do 2018

Obras de acondicionamento do aparcamento da rúa San Antonio

Obras de acondicionamento do aparcamento da rúa San Antonio

A Concellaría de Obras e Servizos está a traballar no acondicionamento de cinco novas áreas de estacionamento gratuíto no centro urbano. En total crearanse 130 prazas, distribuídas entre a rúa San Antonio esquina San Paio, Luis Calvo esquina Pan, Nicaragua, Bos Aires esquina Chile e avenida das Flores. Agás a da rúa Nicaragua, que é unha parcela municipal, todas foron cedidas pola propiedade ao Concello de Carballo polo sistema de comodato, que permite a utilización pública dos terreos a cambio da exención de impostos. O modelo, que xa están a utilizar outros concellos, está a dar moi bos resultados, e dende o departamento que dirixe Luis Lamas continuaranse a xestionar outras posibles cesións.

Nestes momentos en Carballo existen 2.160 prazas de aparcamento de balde en espazos de este tipo. A oferta quintuplicouse nos últimos 15 anos. A principal bolsa de estacionamentos do centro urbano atópase no ámbito do Rego da Balsa, con algo máis de 800 prazas dispoñibles nun total de oito parcelas de propiedade privada e pública, ás que agora se sumará tamén a da esquina das rúas Bos Aires e Chile.

A este tipo de estacionamentos, que na súa maior parte están a menos de 10 minutos a pé da Praza do Concello, engádense 500 prazas en Zona Azul, tamén gratuíta. Estes días, de feito, están a sinalizarse as últimas 69 aprobadas polo pleno da corporación nas rúas Carballo Calero, Eduardo Pondal, Gran Vía, Gravador Facal, Concepción Arenal, Vitoria e Perú.

O sistema de aparcamento regulado e limitado a 90 minutos comezou a utilizase no verán do ano 2002 nas rúas máis céntricas con 125 prazas das que practicamente non queda ningunha, xa que nesas rúas foron gañando espazo os peóns fronte aos vehículos, froito da política de humanización desenvolvida polo goberno municipal co obxectivo de converter Carballo nunha vila máis segura, accesible e atractiva para o comercio e a hostalería. De feito, as ampliacións realizadas nestes 16 anos atenderon fundamentalmente ás peticións do empresariado local.

Compartir: