Inicio Carballo ao día Novas No curso 2018-19 culminarán os proxectos...

AS OBRAS EN MARCHA SUPOÑEN UN INVESTIMENTO DE 1 MILLÓN DE EUROS

No curso 2018-19 culminarán os proxectos de mellora da accesibilidade nas zonas escolares

Ademais das actuacións integrais nas contornas dos colexios San Luís Romero e A Cristina, estamos a eliminar barreiras nas rutas do pedibús do Fogar e o Bergantiños

Venres 17 de agosto do 2018

Na contorna do CEIP San Luís Romero estase a actuar en dúas rúas

Na contorna do CEIP San Luís Romero estase a actuar en dúas rúas

O curso 2018-19 marcará un antes e un despois nos desprazamentos relacionados coa actividade escolar. O Concello de Carballo, dentro da súa política de mellora da accesibilidade e de redución do tráfico rodado nas contornas escolares, está a desenvolver nestes momentos tres proxectos de adaptación das infraestruturas ás necesidades dos nenos e nenas pero tamén das súas familias.

Cun investimento de 1 millón de euros, por unha banda estamos a realizar a segunda fase do proxecto de mellora da mobilidade nas rúas que rodean o CEIP Xesús San Luís Romero. Comezamos por Fotógrafo Xosé Vidal e Xesús San Luís Romero, e nestes momentos están en execución as rúas Saturnino Cuíña e Cemiterio Vello. Aínda que os traballos van a bo ritmo, non estarán rematados na súa totalidade para o inicio do curso escolar, pero si o suficientemente avanzados coma para garantir a accesibilidade ao colexio sen maiores problemas, tal como confirmou a empresa que os executa, Construcciones López Cao, ao alcalde durante a visita que vén de realizar ás obras acompañado pola concelleira Milagros Lantes e o concelleiro Marcos Trigo.

As obras na zona da Cristina afectan a tres rúas

As obras na zona da Cristina afectan a tres rúas

Evencio Ferrero tamén visitou as obras de acondicionamento das rúas Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela e Celso Emilio Ferreiro, na contorna do CEIP A Cristina, nas que se está traballando a un tempo coa intención de causar as menores molestias posibles durante as primeiras semanas do curso escolar.

Ademais de ordenar o tráfico rodado con carrís de sentido único e de mellorar a accesibilidade mediante plataformas únicas, estas actuacións teñen tamén en común que permiten renovar, instalar ou deixar previstos todos os servizos urbanísticos soterrados (auga, saneamento, recollida de pluviais e redes de alumeado, electricidade, teléfono, fibra e gas canalizado) para evitar obras futuras, ademais de seguir modernizando e humanizando distintos barrios coa implantación de amplas beirarrúas, axardinamento e mobiliario urbano.

Rutas do pedibús

As obras nas contornas deses dous centros representan un investimento total de 859.520,15 euros. A maiores, o Concello de Carballo está a acometer tamén un proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas nos camiños escolares dos CEIP Fogar e Bergantiños, cun investimento de 106.238 euros, financiado con cargo ao PAI Adicional. Trátase de realizar unha trintena de pequenas actuacións en cruces, vaos e pasos de peóns grazas ás cales as rutas escolares gañarán en comodidade e seguridade. O alcalde anunciou que este tipo de intervencións se estenderán tamén ás principais rutas de acceso aos colexios San Luís Romero e A Cristina, completando deste xeito a mellora da accesibilidade aos catro centros de primaria do casco urbano.

Compartir: