Inicio Carballo ao día Novas O Concello asumirá as medidas que...

O Concello asumirá as medidas que determine Conservación da Natureza para a supervivencia do Carballo de Vilar de Francos

Representantes municipais e da propiedade visitaron hoxe a árbore acompañados por unha técnica para realizar unha valoración de urxencia

Mércores 8 de agosto do 2018

Representantes do Concello de Carballo e da propiedade do Pazo de Vilar de Francos visitaron hoxe o noso carballo centenario, acompañados pola técnica en xardinería Carme Alonso, para realizar unha valoración de urxencia sobre a situación da árbore despois de que tronzara o venres pola tarde. “Nunha situación normal a actuación sería obvia, pero ao ser unha árbore que está protexida debe ser a Administración competente da catalogación das árbores senlleiras a que diga ata onde chega a protección, se as actuacións deben ser máis ou menos conservadoras en base ao protocolo de actuación que teñan establecido”, explicou a técnica.

Nese sentido, aínda que xa houbo un primeiro contacto telefónico a raíz do suceso, o Concello remitirá inmediatamente unha solicitude formal á Xunta de Galicia para “que emita informe oficial sobre as actuacións inmediatas a abordar”, engadiu o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Tal como establece o Decreto 10/2015, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, a Administración local non pode actuar sen autorización previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que dispón de 15 días para resolver.

Sempre en contacto coa propiedade, o Concello de Carballo adoptará as medidas que determine a Administración autonómica para salvagardar a árbore. Á espera desa resolución, o Servizo Municipal de Protección Civil procederá de xeito inmediato á ampliación do perímetro de seguridade, xa que podería haber novos desprendementos debido ao estado de deterioro no que se atopa a árbore. Pero, malia o seu delicado estado, o Carballo de Vilar de Francos está vivo. “Seguramente haberá que facer unha actuación importante de saneamento, de limpeza e, se é preciso, algo de cirurxía arbórea, pero a árbore ten vida aínda”, asegura Carme Alonso.

“Por desgraza a merma é considerable, pero seguirá sendo un símbolo de Carballo”, engade o alcalde. E para que o siga sendo, os fillos que medran ao seu redor serán transplantados a outros espazos públicos do municipio, e, chegado o tempo, recolleranse tamén as landras para realizar unha plantación o próximo Día da Árbore.

Compartir: