Inicio Carballo ao día Novas Boa acollida entre as comisións de festas...

Boa acollida entre as comisións de festas da campaña contra os abusos impulsada pola Concellaría de Igualdade e Benestar

As comisións ou os establecementos que queiran utilizar os carteis só teñen que recollelos no 2º andar da Casa do Concello

Martes 7 de agosto do 2018

Nas festas de Sofán, que se celebran estes días, e antes tamén noutras coma as de Sísamo ou San Cristovo, estiveron presentes os carteis deseñados pola Concellaría de Igualdade e Benestar para sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais, por unha banda, e a favor dun consumo responsable de alcohol, por outra. A iniciativa, que se puxo en marcha coincidindo coas festas de San Xoán, está a recibir moi boa acollida entre as comisións de festas, que simplemente teñen que poñerse en contacto coa Concellaría de Igualdade e Benestar ou pasar polo segundo andar da Casa do Concello para recoller os carteis.

Á campaña sumáronse tamén boa parte dos establecementos de hostalaría do casco urbano, e tamén establecementos doutros sectores que pediron carteis para colaborar tamén á estender a mensaxe. A iniciativa segue vixente durante todo o verán, tratando de aproveitar a época de maior concentración de festas.

A campaña foi impulsada pola Concellaría de Igualdade e Benestar ante a preocupante escalada de actos sexistas que se veñen producindo en grandes eventos en todo o Estado, amparada no ambiente festivo e nos excesos. O Concello de Carballo súmase ás iniciativas que están a desenvolver municipios e entidades de todo o país para evitar ese tipo de condutas. “Con estes pequenos xestos –indica a concelleira, Maica Ures- pretendemos construír unha sociedade máis respectuosa e igualitaria”. Deste xeito, co lema “se buscas emocións fortes goza da festa sen abusos, sen acosos e con cabeza”, o obxectivo é lanzar un reto ás mozas e aos mozos para que aproveiten os momentos de ocio e diversión ao máximo, pero sempre con respecto e sen necesidade de consumir alcohol en exceso para pasalo ben.

Compartir: