Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas as obras de pavimentación do...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicadas as obras de pavimentación do Rodo e a instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira

Luns 16 de xullo do 2018

Evencio Ferrero e Luis Lamas, nunha visita ao núcleo do Rodo

Evencio Ferrero e Luis Lamas, nunha visita ao núcleo do Rodo

Coincidindo co acordo de devolución do aval depositado pola empresa que instalou a rede de saneamento do Rodo (Oza), na Xunta de Goberno Local de hoxe aprobouse un novo proxecto para ese núcleo lugar. O Rodo será, despois de Cances Grande, o seguinte núcleo no que se opte pola pavimentación con cemento da rede viaria. As obras foron adxudicadas hoxe á empresa Construcciones Vázquez y Reino por un importe de 186.340 euros. O Rodo será tamén un dos núcleos de poboación beneficiarios da extensión do abastecemento de auga ata Razo, incluído nos orzamentos do Concello de Carballo cun orzamento de 1,7 millóns de euros.

Precisamente hoxe tamén foi adxudicada outra das actuacións hidráulicas financiadas con cargo ao canon da auga do 2017. A empresa Lancer Proyectos y Obras encargarase da instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira, cun investimento de 464.056,30 euros. Esta mellora permitirá, entre outras cousas, acabar cos importantes problemas que está a provocar a entrada de toalliñas húmidas na instalación municipal.

Na Xunta de Goberno Local de hoxe, entre outras cuestións, foron aprobadas 9 licenzas urbanísticas, 2 vaos permanentes e o convenio para a celebración do Festifolk.

Compartir: