Inicio Carballo ao día Novas As Xornadas Empresariais reunirán este ano...

As Xornadas Empresariais reunirán este ano en Carballo a 60 profesionais de toda Galicia

Antonio Álvarez, promotor e director da iniciativa, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, inaugurarán a terceira edición

Mércores 9 de maio do 2018

Antonio Álvarez, Evencio Ferrero e Luis García, na presentación das xornadas

Antonio Álvarez, Evencio Ferrero e Luis García, na presentación das xornadas

Sesenta profesionais de toda Galicia participarán a partir do xoves 10 de maio nas III Xornadas Empresariais de Bergantiños, unha iniciativa que se consolida como punto de encontro de empresarios/as e emprendedores/as, pero tamén doutros/as profesionais vinculados ao mundo da economía, a Administración pública e o urbanismo.

A inauguración está prevista para as 17 horas no Fórum Carballo, coas intervencións do director das xornadas, Antonio Álvarez González, e o alcalde, Evencio Ferrero. Tamén teñen confirmada a súa asistencia, segundo informaron hoxe desde a organización, a deputada autonómica Dolores Toja Suárez e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido.

Adaptarse para competir con éxito cando todo cambia é o lema desta terceira edición das xornadas, que naceron coa principal finalidade de reducir o índice de fracaso empresarial e de impulsar experiencias emprendedoras de éxito, partindo de que a información e a formación son elementos imprescindibles para acadar eses obxectivos.

Con esta intención, nesta primeira xornada intervirán o economista Miguel Bello Vázquez, ex-director de Otis en España, que falará sobre Distinto ou barato, esa é a cuestión. De seguido celebrarase unha mesa redonda sobre Modernización de empresas e exemplos de emprendemento de éxito, moderada por Luis García, director da EFA Fonteboa, e na que participarán tres empresarios da zona: Manuel Iglesias, presidente do grupo Cetus e do Clúster da Madeira; Bautista Velo, xerente de Industrias Savelo, e Xusto Varela, xerente da explotación gandeira A Devesa.

Para pechar a xornada intervirá desde Birmingham (Reino Unido) o arquitecto coruñés Julio López Mouriño, que falará vía Skype sobre Mentalidade, facilidades e obstáculos ante o mercado global e local.

As Xornadas Empresariais de Bergantiños continuarán os días 22 e 29. O programa completo pode descargarse máis abaixo.

Descargas

Compartir: