Inicio Carballo ao día Novas A veciñanza pode realizar ata fin de mes...

A veciñanza pode realizar ata fin de mes as súas achegas para a elaboración da estratexia de mellora do espazo público

Xa está dispoñible na páxina web un novo apartado que inclúe información sobre o proceso e unha enquisa aberta á participación cidadá

Martes 10 de abril do 2018

Na xuntanza aberta celebrada en marzo recolléronse as primeiras achegas

Na xuntanza aberta celebrada en marzo recolléronse as primeiras achegas

A elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público é tarefa de todas e todos, e por iso a participación veciñal está a ter un protagonismo especial neste proceso. Despois da xuntanza aberta que se celebrou en marzo, ata finais de abril ábrese unha nova canle para que a veciñanza poida realizar as súas achegas. Deste xeito, xa está dispoñible nesta páxina web, no apartado de Participación Veciñal, unha sección que inclúe información sobre o proceso e unha enquisa que poderán cubrir todas as persoas interesadas e a través da cal poderán non só expresar a súa opinión sobre a situación actual senón tamén as súas propostas de mellora.

As achegas da veciñanza serán engadidas ao documento final de Diagnóstico participado, e ademais recolleranse as propostas de actuación orientadas a resolver problemas de mobilidade identificados no diagnóstico.

En definitiva, do que se trata é de dispoñer dun proxecto marco que, como resultado dese proceso de participación cidadá, permita establecer as medidas de intervención no espazo urbano, partindo das premisas de que as persoas sempre terán prioridade sobre os vehículos e de que unha vila que sexa boa para a infancia será boa para toda a sociedade. “Empezamos a traballar dunha maneira un pouco intuitiva, vendo o que facían os demais e tratando de aprender desas experiencias previas, pero agora que xa temos as cousas máis claras queremos que Carballo teña o seu propio modelo de xestión do espazo público”, sinala a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que fai un convite á cidadanía a participar no proceso e a facer chegar as súas propostas a través das canles establecidas para elo.

Ligazóns

Compartir: