Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo crea unha nova gran zona...

DÍA FORESTAL MUNDIAL

O Concello de Carballo crea unha nova gran zona verde no parque empresarial de Bértoa coa plantación de 265 árbores

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal acollerá o sábado unha xornada de amadriñamento e apadriñamento de landras

Martes 20 de marzo do 2018

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na plantación do parque empresarial

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na plantación do parque empresarial

95 exemplares de catro variedades diferentes de castiñeiros, 50 carballos, 15 nogueiras do país, 20 faias, 20 abeleiras, 30 bidueiros, 10 acevos, 10 loureiros e 15 freixos son as 265 árbores que dentro dalgún tempo darán sombra na nova zona verde do parque empresarial de Bértoa, un gran espazo público no que vén de realizarse unha importante plantación por parte do Concello de Carballo. As árbores están estratexicamente “desordenadas” para que cando medren formen un bosque e non semellen unha plantación “industrial”, como comentaron tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, no propio espazo.

A plantación na nova zona verde do polígono, que vén coincidir coa celebración do Día Forestal Mundial, forma parte dunha serie de actuacións encamiñadas a ampliar e mellorar os xardíns municipais e os espazos verdes repartidos por todo o territorio. De feito, no orzamento deste ano figura con esta finalidade unha partida de 255.000 euros, un 155% máis que no 2017. “Cada día temos máis zonas verdes, e queremos telas nas mellores condicións”, apunta Luis Lamas.

Os resultados xa empezan a verse tanto en grandes actuacións como a do parque empresarial como noutras máis pequenas. Nos últimos meses o Concello de Carballo leva plantadas un total de 345 árbores. Ademais das 265 do polígono hai outras 80 que se reparten entre novos proxectos viarios, como a senda peonil de Bértoa, onde precisamente se están a plantar as árbores tamén estes días, ou as rúas Xúpiter, Ponte, Xesús San Luís Romero, Fotógrafo Xosé Vidal, Desiderio Varela ou avenida das Flores. Noutros casos fíxose reposición, substitución ou ampliación de exemplares, tanto no chan coma en macetas ornamentais, como na praza Alfredo Brañas, Rego da Balsa, Hórreo, Coruña, Vázquez de Parga ou Costa Rica. E dentro da mesma campaña realizáronse plantacións no colexio de Sofán, nas escolas da Rega-Bértoa e Xoane-Goiáns ou no novo centro social de Ardaña. Acevos, cerdeiras e laranxeiras son algunhas das especies utilizadas.

PLANTACIÓN NO HORTO INFANTIL

O Concello de Carballo está a traballar para transmitir aos nenos e nenas o apego á natureza. Nesa liña enmárcase a colaboración coa Asociación Ambiental Senda Nova na campaña que realizou o domingo no Espazo da Natureza de Oza. E para este sábado temos programada unha xornada de amadriñamento e apadriñamento de landras no Horto Infantil Ecolóxico Municipal na que poderán participar todas as familias que o desexen sen necesidade de inscrición previa. Abonda con pasar polas instalacións do horto, na rúa Nardos, entre as 11.00 e as 13.00 horas.

Proceso de estratificación das landras

Proceso de estratificación das landras

O outono pasado os nenos e nenas que participan nos obradoiros do Horto recolleron landras dos carballos que temos no recinto e fixeron un traballo de estratificación en labra de madeira coa idea de conservalas ata a primavera nas mellores condicións. Agora chegou o momento de que as landras volvan á terra, e para iso solicitamos todas as mans voluntarias que queiran participar na creación dunha gran carballeira.

Este sábado, día 24, cada participante plantará unha landra nunha maceta. Para que o proceso de apadriñamento e amadriñamento quede rexistrado perfectamente, no momento da chegada cada neno ou nena facilitará os seus datos e asignaráselle un número, que se corresponderá co da súa maceta. As plantas inventariadas quedarán ao coidado do horto, e cando chegue o momento de transplantar as que saian adiante contactarase coa madriña ou o padriño para que poidan facer ese traballo.

Compartir: