Inicio Carballo ao día Novas A Unidade de Estranxeiría e...

A Unidade de Estranxeiría e Documentación cumpre un ano de servizo en Carballo con 13.462 carnés e pasaportes tramitados

Evencio Ferrero destaca a excelente valoración do servizo por parte da cidadanía

Luns 19 de marzo do 2018

O xefe superior e o secretario xeral da Policía Nacional en Galicia visitaron a oficina no primeiro aniversario da súa apertura

O xefe superior e o secretario xeral da Policía Nacional en Galicia visitaron a oficina no primeiro aniversario da súa apertura

O martes 20 fai un ano que abriu as súas portas en Carballo a Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional, un servizo “tremendamente necesario”, como apunta o alcalde e como demostran tanto a excelente valoración da cidadanía como o número de documentos tramitados ao longo deste primeiro ano de actividade: 11.291 carnés de identidade, 827 deles expedidos por primeira vez, e 2.171 pasaportes. En total, 13.462 documentos. Evencio Ferrero quixo aproveitar este primeiro aniversario para transmitir os seus parabéns ao persoal e para reiterar o compromiso do Concello de Carballo co mantemento do servizo.

O balance é moi positivo desde todos os puntos de vista. O persoal que integra a unidade expresou hoxe o seu agradecemento “pola acollida desde o primeiro día por parte do Concello de Carballo e da cidadanía”. Nestes momentos o equipo está formado por unha oficial de Policía, dous axentes e dúas funcionarias de corpos xerais, xa que a terceira vén de ser baixa por traslado, aínda que a súa vacante cubrirase en breve. Con motivo deste primeiro aniversario, o equipo ten previsto celebrará mañá un xantar nun restaurante carballés.

Aínda que carballeses e bergantiñáns somos os/as principais usuarios/as, a Unidade de Estranxería e Documentación de Carballo é xa un centro de referencia para os habitantes de toda a Costa da Morte, e mesmo ten prestado atención a cidadáns das catro provincias galegas e doutras comunidades, como Madrid ou Barcelona. Nos períodos vacacionais aumenta a demanda “debido –apuntan desde o servizo- aos cidadáns que residen no estranxeiro, principalmente en Suíza, e que aproveitan as vacacións para tramitar a documentación”. En moitos casos os carnés estaban caducados desde facía anos (aínda eran os antigos de cor azul), e o feito de dispoñer dunha oficina tan próxima facilita a súa renovación. Grazas a esta facilidade, o equipo ten recibido varias felicitacións por escrito.

Outros servizos

Á parte do traballo propio dunha unidade deste tipo, a presenza do servizo en Carballo permitiu tamén realizar outro traballo policial, como a detención de cinco persoas que acudiron á oficina para tramitar algún documento e sobre os que constaba unha requisitoria xudicial ou policial.

Por outra banda, a oficina de Carballo tamén se ten convertido nun punto de referencia para os colexios do concello, que aproveitan as visitas do alumnado á Casa do Concello para que tamén coñezan o traballo que desenvolve a Policía Nacional.

A Unidade de Estranxeiría e Documentación de Carballo está aberta de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo desde a rúa Cervantes. Nese mesmo horario pode solicitarse cita de maneira presencial, aínda que tamén pode pedirse online a través da páxina www.citapreviadnie.es.

Compartir: