Inicio Carballo ao día Novas Continúan os obradoiros...

Continúan os obradoiros Enreguéifate nos institutos de Carballo

Mañá, martes 13, terán lugar tres talleres de regueifa no IES Alfredo Brañas

Luns 12 de marzo do 2018 Lingua

Os obradoiros comezaron a semana pasada no IES Parga Pondal

Os obradoiros comezaron a semana pasada no IES Parga Pondal

Despois dos primeiros catro obradoiros que tiveron lugar a semana pasada no IES Parga Pondal de Carballo, continúan as sesións formativas en que nenos e nenas de 1.º da ESO aprenden a regueifar, e con Lupe Blanco, Alba María e Josinho da Teixeira traballan de maneira práctica e dinámica a improvisación oral e a técnica da regueifa desde os valores da igualdade e a diversidade, e tamén co obxectivo do fomento do galego.

Son estes talleres unha pata máis do proxecto Enreguéifate, que inclúe tamén formación para profesorado (xa tivo lugar unha xornada en Carballo), un certame en vídeo (pódense enviar vídeos de menos de tres minutos ata o 15 de abril) e un encontro final en Santiago de Compostela (a Regueifesta, o 2 de maio).

E é que, con todo isto, a regueifa está a se poñer outra vez de actualidade, con renovación de temas, contidos e persoas. Así, volven estar presentes regueifeiros e regueifeiras, por exemplo, en programas de televisión, como foi o caso, a semana pasada, de Lupe Blanco e Alba María no Luar, e de Antonio de Xornes, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira no programa Vivan as tardes, ambos os casos na Televisión de Galicia (TVG). E por este interese na vixencia e actualización da regueifa estará tamén mañá, martes 13, o programa A Revista nos obradoiros que terán lugar no IES Alfredo Brañas.

Na páxina web www.enregueifate.gal pódese coñecer máis sobre este proxecto de posta en valor da improvisación oral en verso e de fomento do galego, así como ver os vídeos gañadores do certame da edición do ano pasado.

PRÓXIMOS OBRADOIROS

MARTES 13 DE MARZO
Dous obradoiros pola mañá e un pola tarde no IES ALFREDO BRAÑAS: 1.º De 9.20 h a 11.00 h (1ºD) (con Alba María e Josinho da Teixeira) 2.º De 12.20 h a 14.00 h (1º A) (con Alba María e Josinho da Teixeira) 3.º De 16.15 h a 17.55 h (1º B) (con Lupe Blanco e Alba María)

XOVES 15 DE MARZO
Dous obradoiros: 1.º De 11.30 h a 13.10 no IES ALFREDO BRAÑAS (1º C) (con Lupe Blanco e Alba María) 2.º De 16.40 h a 18.20 h no IES ISIDRO PARGA PONDAL (con Lupe Blanco e Alba María)

VENRES 16 DE MARZO
Dous obradoiros pola mañá no IES MONTE NEME: 1.º De 10.35 h a 12.15 h (con Lupe Blanco e Josinho da Teixeira) 2.º De 12.30 h a 14.10 h (con Lupe Blanco e Josinho da Teixeira)

Compartir: