Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno Local aproba a terceira...

A Xunta de Goberno Local aproba a terceira licenza do ano para a construción de naves no polígono industrial de Bértoa

Modificado o convenio de colaboración para a prestación conxunta do servizo do Centro de Información ás Mulleres en varios concellos

Luns 12 de febreiro do 2018

Ocupación do polígono a finais do 2017

Ocupación do polígono a finais do 2017

A actividade no polígono industrial de Bértoa, que experimentou un importante impulso no ano 2017, continúa a un nivel moi alto nestes primeiros compases do 2018. En menos de mes e medio, a Xunta de Goberno Local leva aprobadas tres licenzas para a construción doutras tantas naves. O 2 de xaneiro autorizou a edificación dunha nave destinada a taller de automóbiles; o día 29 deu o visto bo a outra para almacén de materiais e ferramentas para a construción, e hoxe recibiu luz verde a terceira, que acollerá o almacén e as oficinas dunha empresa de construción. 

Desde a posta en servizo da segunda fase do polígono, no ano 2011, o Concello de Carballo leva aprobadas no parque empresarial licenzas para a construción de 57 naves industriais, 16 delas no ano 2017. Desde este punto de vista, o ano que vén de rematar foi o de maior actividade dos últimos dez, o que vén reforzar a necesidade de ampliar a bolsa de solo industrial na capital bergantiñá, como defende o goberno municipal e apoia a totalidade da corporación. De continuar a este ritmo, o solo no polígono industrial de Bértoa esgotarase en menos de dous anos.

Hoxe tamén foi aprobada pola Xunta de Goberno Local a licenza de primeira ocupación da nave da empresa Gallega de Mallas, SL, que tamén ten a súa sede no noso parque empresarial. Así mesmo, o goberno autorizou as obras de modificación e ampliación das instalacións de San Juan Aislamientos y Embalajes SLU, no polígono industrial de Queo de Arriba.

Entre outras cuestións, a Xunta de Goberno Local aprobou dúas subvencións Carballo Activa pola contratación de persoal formado no Fórum. E, fóra da orde do día, saíron adiante a programación dos Venres Culturais e a modificación do convenio de colaboración para a prestación conxunta do servizo do Centro de Información ás Mulleres (CIM) en varios concellos de Bergantiños. En concreto, o novo convenio inclúe aos concellos de Malpica e Ponteceso, ademais de Carballo.

Compartir: