Inicio Carballo ao día Novas A vindeira semana retomaremos a campaña...

A vindeira semana retomaremos a campaña informativa sobre a avespa asiática nos centros educativos

O servizo municipal de control de pragas retirou en xaneiro un total de 13 niños, a maioría sen actividade

Sábado 3 de febreiro do 2018

Despois da ruta polas escolas que forman parte do Colexio Rural Agrupado (CRA) Ponte da Pedra, esta próxima semana retomaremos a campaña divulgativa sobre a avespa asiática. Persoal do servizo municipal de control de pragas estará os días 5 e 6 no colexio Artai, o 15 no CEIP Gándara-Sofán, o 19 no Nétoma-Razo e os días 26, 27 e 28 no Bergantiños. Na sesión do día 6 tamén participará Lolo Andrade, técnico de protección civil na loita contra a velutina e que está considerado como un dos principais expertos nesa especie invasora, e tamén contaremos coa colaboración de apicultores locais.

Entre as charlas que temos programadas para este mes tamén figura unha para o día 20 en Aspaber. Os centros ou entidades interesados/as non teñen máis que poñerse en contacto co Concello de Carballo (servizo de medio ambiente).

O obxectivo é concentrar a campaña divulgativa durante esta época de inactividade da especie invasora. De feito, dos 13 niños retirados no mes de xaneiro polo servizo municipal de control de pragas, 8 carecían de actividade. O obxectivo, ademais de achegar a información á poboación escolar, é preparar a campaña de trampeo que se vai poñer en marcha no mes de marzo coa colaboración dos apicultores locais coa finalidade de capturar a maior cantidade de raíñas posible.

Por iso, unha das actividades que inclúen as charlas nos coles é a elaboración dunha trampa caseira. Deste xeito inténtase que cada neno ou nena coloque a súa na contorna da súa vivenda, contribuíndo deste xeito tamén a reducir a presenza de avespas asiáticas. As sesións inclúen tamén unha exposición audiovisual, unha mostra do material que se utiliza para capturar as avespas, varios niños (primario, secundario e seccionado) e unha unidade didáctica para que o traballo continúe na aula. A campaña está a recibir moi boa acollida.

Compartir: