Inicio Carballo ao día Avisos Xa podes recoller no Museo de Bergantiños...

Xa podes recoller no Museo de Bergantiños o calendario do 2018, que fai un percorrido polas 18 parroquias a través da auga

Xoves 28 de decembro do 2017

A fonte de San Miguel en Vilela, o Bosque do Añón en Carballo, a fonte das Labradas en Oza, o muíño de Pardiñas en Goiáns, a férveda de San Paio en Entrecruces, a Ribeira da Pena en Aldemunde, a fonte do Picho en Cances, a praia de Razo, a praia de Baldaio en Lema, a fonte do Pazo do Souto en Sísamo, a fonte do Pazo de Vilar de Francos en Artes, a fonte de Santa Eufemia en Rus, a praia de Leira en Rebordelos, a ponte da Ferreira en Bértoa, o muíño de Zarrallo en Sofán, o río Grande en Ardaña, a fonte da Chavella en Berdillo e a praia de Pedra do Sal en Noicela son as 18 imaxes, unha por cada parroquia, que ilustran o calendario do 2018 editado polo Concello de Carballo á través da área de Turismo.

A auga convértese no nexo de unión entre todas as fotografías e tamén entre todas as parroquias. O mar, os ríos, as fontes e os muíños permítennos facer un percorrido polos diferentes recursos hídricos do noso concello e seguir insistindo, como vimos facendo a través de diferentes intervencións e campañas municipais, na importancia de preservalos e protexelos.

O almanaque está dispoñible no Museo de Bergantiños, onde poden solicitalo de balde todas as persoas interesadas en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30, de luns a venres, e de 11.00 a 14.00 horas, os sábados e domingos de feira agás o 31 deste mes, xa que o día de Fin de Ano o edificio estará pechado.

Compartir: