Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xa están en marcha as obras de...

NO ORZAMENTO DO 2018 FIGURAN 572.659 € PARA OS DE BÉRTOA E LEMA

Xa están en marcha as obras de acondicionamento e ampliación de seis centros sociais en cinco parroquias

O Concello de Carballo destinou este ano case 800.000 euros á construción e mellora de locais veciñais na zona rural

Xoves 28 de decembro do 2017 Carballo ao día

Mar Eirís, Belén Lendoiro e Luis Lamas visitaron as obras do centro social de Ramil

Mar Eirís, Belén Lendoiro e Luis Lamas visitaron as obras do centro social de Ramil

A rede de centros sociais das parroquias medra en cantidade e calidade. O Concello de Carballo realizou este ano un investimento de case 800.000 euros que permitiu, por unha banda, acometer a construción do centro social de Ardaña e, por outra, iniciar dous proxectos de acondicionamento e ampliación doutros seis locais que están en marcha nestes momentos. 

En Sísamo comezou a construción dun almacén acaroado á escola

En Sísamo comezou a construción dun almacén acaroado á escola

Por unha banda xa comezaron as obras de construción dunha edificación auxiliar destinada a almacén acaroada á escola de Sísamo, dando así resposta a unha vella demanda veciñal. No mesmo proxecto está incluída a ampliación do centro social de Oza para conseguir un mellor aproveitamento do espazo dispoñible. 

Todas as actuacións responden ás necesidades expostas polo movemento asociativo, que é o que se encarga de dinamizar os locais veciñais. No outro proxecto están incluídas as reformas dos centros sociais de Ramil e Outón, na parroquia de Rus; Entrecruces e Artes. No primeiro as obras xa están moi avanzadas, como puideron comprobar @s concelleir@s Belén Lendoiro, Mar Eirís e Luis Lamas na visita que fixeron hoxe. A intervención consiste no illamento exterior, a redistribución e acondicionamento da planta baixa e a posta a punto da cuberta. 

A empresa adxudicataria tamén empezou cos preparativos para reformar a antiga escola do Outón. O proxecto inclúe a impermeabilización exterior, e, como no caso anterior, unha actuación integral de illamento nas fachadas que inclúe o cambio da carpintería. A planta baixa renovarase por completo, e tamén se colocará nova cuberta de tella.

En Ramil as obras consisten no illamento exterior, a redistribución da planta baixa e a renovación da cuberta, entre outras

En Ramil as obras consisten no illamento exterior, a redistribución da planta baixa e a renovación da cuberta, entre outras

Despois será a quenda de Entrecruces, onde tamén se actuará no exterior para solucionar problemas de humidade e para mellorar o perímetro do edificio cunha soleira de formigón a modo de beirarrúa. Tamén se solucionarán defectos de illamento mediante unha actuación na totalidade das fachadas e o cambio da carpintería exterior. Na planta baixa realizarase unha reforma integral, que inclúe demolición de tabiques, mellora de todas as instalacións ou construción dun aseo adaptado. Ademais modernizaranse as instalacións do primeiro andar, e pintarase todo o edificio. Por último, instalarase nova cuberta de tella.

As obras no local de Artes, como solicitou o Consello Parroquial, quedarán para as vacacións do verán para non interferir nas clases, xa que unha parte do edificio aínda se usa como escola. As melloras empezarán xa no exterior da parcela, coa substitución da beirarrúa actual por unha soleira de formigón. Tamén se mellorará o illamento, actuando na totalidade das fachadas e na carpintería. Na planta baixa reformarase totalmente a cociña existente, e na primeira tamén se realizará unha reforma integral. A obra completarase coa substitución da cuberta, que será de tella, entre outras melloras.

Próximas actuacións

O goberno municipal de Carballo quere seguir atendendo as peticións que están chegando tanto desde o movemento asociativo como, sobre todo, desde os consellos parroquiais. De feito, este ano xa se realizou unha pequena intervención na antiga escola de Vilela a petición do consello parroquial, e nos orzamentos do 2018 figuran outras dúas actuacións que tamén xurdiron nestes órganos de participación veciñal.

Por unha banda figura unha partida de 390.000 euros para a construción dun centro social en Bértoa, que se situará, tal como decidiu tamén a veciñanza, xunto á zona verde do polígono industrial. Por outra, resérvanse 182.659,22 euros para a reforma do local social de Lema, na que se fará unha actuación integral de mellora.

Compartir: