Inicio Carballo ao día Hemeroteca Pazo da Cultura, ludoteca, Biblioteca Rego da...

Pazo da Cultura, ludoteca, Biblioteca Rego da Balsa e mercado, catro escenarios para unha semana pequespectacular

O Concello de Carballo concentra ao longo desta semana numerosas actividades lúdicas e creativas dirixidas á infancia

Martes 26 de decembro do 2017 Cultura

O auditorio do Pazo da Cultura encheuse hoxe pola tarde

O auditorio do Pazo da Cultura encheuse hoxe pola tarde

Esta semana non ten cabida o aburrimento para os/as máis pequenos/as da casa, porque temos preparadas tantas actividades que non van saber cal escoller. Para mostra, o botón de hoxe, con obradoiro de colaxe pola mañá na ludoteca municipal, xogos e talleres tanto pola mañá como pola tarde na planta alta do mercado, e o primeiro espectáculo do Nadal Pequespectacular no Pazo da Cultura.

Os

Os "Contacreques" de EME2 abriron o Nadal Pequespectacular

Despois de 15 anos de andaina, o programa que se desenvolve no auditorio xa está plenamente consolidado como referente do Nadal Cultural. Comezamos hoxe coa compañía EME2 e os seus Contracreques que encheron o Pazo da Cultura e poesía, diversión e público. Mañá mércores recibiremos á compañía catalá de Roberto G. Alonso con Zaquizamí, unha fusión de danza, teatro e imaxinación no que os xoguetes abandonados nun faiado cobran vida. O xoves será a quenda da maxia, coa Serendipia de Martín Varela, e remataremos co venres con Educateatro Producións e a obra musical O mundo máxico de Pinocho. Todos os espectáculos do Nadal Pequespectacular comezan ás 18 horas, e aínda que sempre se recomenda a reserva de entradas, as persoas que non o fixeran e estean interesadas en asistir poden consultar a dispoñibilidade na billeteira do Pazo da Cultura a partir das 17 horas.

Hoxe remataron os obradoiros de Nadal na ludoteca coa última sesión de colaxe, que mantivo moi ocupados durante boa parte da mañá a nenos e nenas de 3 a 8 anos. Pero mañá continuamos cun taller de creación de xoguetes reciclados dirixidos a esa mesma franxa de idades, e o xoves os/as peques desfrutarán coa actividade denominada Crebacabezas invernais. Podedes consultar a dispoñibilidade de prazas na Biblioteca Rego da Balsa, que tamén está aberta nestas datas no seu horario habitual e con toda a súa oferta habitual. 

Na planta alta do mercado hai xogos para todas as idades

Na planta alta do mercado hai xogos para todas as idades

Este ano á oferta da Concellería de Cultura para os/as máis pequenos/as da casa súmase tamén unha proposta da Concellería de Promoción Económica para dinamizar o comercio, facilitar as compras de Nadal e ofrecer unha alternativa máis de ocio infantil. Deste xeito, hoxe comezaron na planta alta do Mercado Municipal as actividades do programa #semecachaDEScóntovos, dirixidas a nenos e nenas de todas as idades. A oferta inclúe xogos e obradoiros tradicionais e moi populares, pero totalmente personalizados co ratiño que identifica a campaña comercial. O parque lúdico estará aberto tamén toda a semana, ata o venres, en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Compartir: