Inicio Carballo ao día Novas O acendido do alumeado anticipa un Nadal repleto...

O acendido do alumeado anticipa un Nadal repleto de propostas de dinamización cultural e comercial

Evencio Ferrero, Belén Lendoiro, Milagros Lantes e Luis Lamas prenderon a iluminación festiva acompañados por un representante da empresa concesionaria

Mércores 6 de decembro do 2017

En Carballo xa é Nadal. O alumeado festivo está en funcionamento desde as 18.20 horas do martes, aproveitando o comezo da longa ponte da Constitución e tamén dunha das mellores épocas do ano para o comercio. En Carballo especialmente, porque nesta extensa fin de semana teremos mercado o xoves e feira o domingo, reforzando a oferta comercial nunha semana con moitos festivos. 

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; as concelleiras Belén Lendoiro e Milagros Lantes, o concelleiro Luis Lamas e un representante da empresa concesionaria do servizo público accionaron simbolicamente desde a Praza do Concello o mecanismo que acendeu a iluminación de Nadal en toda a vila, e que un ano máis tratamos de renovar e actualizar con novos obxectos decorativos.

O prendido do alumeado marca o comezo do Nadal, que este ano chegará a Carballo cargado de propostas de dinamización cultural e comercial que presentaremos nos vindeiros días.

Compartir: