Inicio Carballo ao día Novas O pedibús do CEIP A Cristina fará o...

O pedibús do CEIP A Cristina fará o vindeiro martes a súa primeira viaxe con máis de 30 pasaxeir@s

Axentes da Policía Local explicaron o funcionamento do camiño escolar aos nenos e nenas que participarán inicialmente na experiencia

Martes 5 de decembro do 2017

O pedibús do CEIP A Cristina botará a andar a vindeira semana. Ese “autobús especial” sen rodas, nin fumes, nin problemas de aparcamento, fará a súa primeira viaxe o martes con máis de 30 pasaxeir@s, xa que ademais dos 28 nenos e nenas que o utilizarán a diario para ir e volver do cole, participarán un grupo de nais e pais e axentes da Policía Local que os acompañarán durante os primeiros días de funcionamento.

A través do pedibús trátase de que os nenos e as nenas vaian ao cole andando, reducindo deste xeito o tráfico na contorna escolar, fomentando a mobilidade peonil e contribuíndo a incrementar a autonomía infantil

O obxectivo último do camiño escolar é que os nenos e as nenas poidan ir andando sos ao colexio con total seguridade. Por iso, aínda que inicialmente prevese a participación das familias, pouco a pouco reducirase a presenza de adultos e a da Policía Local limitarase aos cruces máis perigosos. Pero ata chegar a ese punto queda aínda moito por andar, e por iso dous axentes da Policía Local reuníronse hoxe cos nenos e nenas participantes para explicarlles o funcionamento do pedibús e unha serie de normas básicas para garantir a seguridade ao longo dos traxectos.

O CEIP A Cristina terá inicialmente dúas rutas, unha con saída da rúa Mahón e outra na Praza da Cruz Vermella ás 08.45 horas. Días atrás un grupo de nais realizaron os percorridos acompañadas por axentes da Policía Local para determinar a duración e establecer os horarios para cada parada. Porque o pedibús, como lles explicaron hoxe os axentes aos alumnos e alumnas, funciona igual que un autobús, cunha hora de saída e distintas paradas nas que se van “subindo” novos/as pasaxeiros/as.

A práctica totalidade do alumnado xa vai a pé ao cole, pero a través do pedibús trátase de que se sumen máis e de o fagan dun xeito organizado, reducindo deste xeito o tráfico na contorna escolar, fomentando a mobilidade peonil e contribuíndo a incrementar a autonomía infantil.

Compartir: