Inicio Carballo ao día Novas Aprobado o convenio de colaboración con...

Aprobado o convenio de colaboración con Cáritas para o financiamento do Albergue San Xoán

Luz verde para a construción dunha nave destinada a fabricación e reparación de maquinaria no polígono industrial de Bértoa

Luns 4 de decembro do 2017

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe aprobouse un convenio entre o Concello de Carballo e Cáritas para o financiamento do Albergue San Xoán, un centro de inclusión e emerxencia social destinado a acoller con carácter temporal a persoas en situación de emerxencia social, transeúntes ou sen fogar, proporcionándolles aloxamento e manutención por un tempo limitado. Mediante este convenio, o Concello de Carballo achega 6.000 euros para contribuír aos gastos do albergue.

Banda de gaitas municipal

Banda de gaitas municipal

Na sesión de hoxe tamén foron aprobadas facturas por importe de 15.985,32 euros e unha subvención de 3.000 euros para a Agrupación deportiva Un paso máis. Tamén foi aceptada a herdanza de Joaquín Tuñas Mourelle e a partición dos bens hereditados, dos que o Concello de Carballo recibe unha parte e que deben ter un destino social. Os bens legados son catro fincas en Santa Comba, nos que tamén teñen parte cinco persoas máis.

En materia urbanística saíron adiante unha licenza para a instalación dunha planta de gas natural licuado nunha empresa do polígono de Bértoa e outra para a construción dunha nave industrial destinada a fabricación e reparación de maquinaria, un proxecto que supera os 800.000 euros de investimento.

A Xunta de Goberno Local tamén iniciou os procedementos para a contratación dun servizo integral de impresión por 48 meses e o servizo de dirección e coordinación da Banda de Gaitas Municipal tamén por 4 anos.

Fóra da orde do día aprobáronse a campaña de promoción do comercio en Nadal, a campaña CC de fomento e posta en valor do galego e o proxecto Enreguéifate de posta en valor da regueifa.

Compartir: