Inicio Carballo ao día Avisos O xefe provisional da Policía Local cesa...

O xefe provisional da Policía Local cesa das súas funcións en cumprimento dunha sentencia que anulou o seu nomeamento

Venres 24 de novembro do 2017

O oficial da Policía Local de Carballo que ocupaba a xefatura do corpo desde hai catro anos cesa hoxe, 24 de novembro, das súas funcións en cumprimento dunha sentencia do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 da Coruña, confirmada en apelación polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anulou o mantemento da comisión de servizos do citado funcionario no cargo de inspector xefe da Policía Local.

A sentencia tamén declara que dito posto debe cubrirse de maneira regulamentaria, polo que a Xunta de Goberno Local do luns pasado xa puxo en marcha o procedemento para cubrir en propiedade, polo sistema de concurso, a praza de inspector de policía, que está incluída na Oferta de Emprego Público do Concello de Carballo para 2017. As bases e a convocatoria xa están aprobadas, e os/as aspirantes disporán de 20 días, a partir do día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial do Estado, para presentar as solicitudes de participación no proceso selectivo.

Neste momento o goberno municipal está á espera de contar un informe xurídico que estableza o procedemento regulamentario para nomear a un xefe da Policía Local mentres non se resolve o concurso. 

Compartir: