Inicio Carballo ao día Novas A senda que unirá o casco urbano de...

A senda que unirá o casco urbano de Carballo co polígono industrial de Bértoa estará rematada antes de fin de ano

O alcalde acompañou hoxe ao delegado territorial da Xunta na Coruña nunha visita ás obras, financiadas mediante un convenio entre as dúas institucións

Mércores 22 de novembro do 2017

A senda peonil e ciclista que unirá o casco urbano de Carballo co polígono industrial de Bértoa é unha obra singular dentro do Plan de Sendas de Galicia, porque ademais do tratamento en superficie inclúe a instalación e/ou renovación de todos os servizos soterrados. Esta mellora é posible grazas a un convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Xunta de Galicia, e hoxe representantes de ámbalas institucións visitaron a obra. O alcalde, Evencio Ferrero, exerceu como anfitrión do delegado territorial, Ovidio Rodeiro, xunto a outros membros da corporación.

Ovidio Rodeiro e Evencio Ferrero

Ovidio Rodeiro e Evencio Ferrero

O proxecto abrangue un traxecto de 1.000 metros, entre os puntos quilométricos 29+400 e 30+480, dende a rotonda do cruce das rúas Gran Vía e Vázquez de Parga ata a de acceso ao polígono industrial de Bértoa. O investimento supera o millón de euros, e permitirá completar un itinerario continuo entre o polígono Industrial de Bértoa, onde xa existe unha senda, e as beirarrúas do núcleo de Carballo. A actuación encádrase dentro do Programa Operativo Feder 2014-2020, no que se define como un dos seus obxectivos favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores mediante o fomento da mobilidade sostible.

A Xunta encárgase de toda a actuación en superficie e tamén das redes de augas, mentres que o Concello executa o soterramento do tendido eléctrico e telefónico e a renovación das canalizacións de gas

A obra está incluída na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, e tamén contempla a renovación dos servizos de saneamento e pluviais, o soterramento dos servizos de electricidade, telefonía, unha zona axardinada e a habilitación de aparcadoiros onde haxa espazos para crealos. A Xunta encárgase de toda a actuación en superficie e tamén das redes de augas, mentres que o Concello executa o soterramento do tendido eléctrico e telefónico e a renovación das canalizacións de gas. Unha vez instaladas todas as infraestruturas soterradas, o tratamento en superficie está xa moi avanzado e a senda quedará lista antes de que remate o ano.

Compartir: