Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo reitera a súa...

O Concello de Carballo reitera a súa aposta pola creación dunha escola municipal de hostalaría pioneira en Galicia

A Xunta de Goberno Local aprobou o novo prego que rexerá o procedemento de contratación dos servizos de formación en cociña por un período máximo de 3 anos

Martes 21 de novembro do 2017

Instalacións da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo

Instalacións da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo

O goberno municipal de Carballo pretende que a formación en hostalaría dea un salto cualitativo, e con esa intención aposta creación dunha escola municipal pioneira en Galicia e asume o reto de preparar ás primeiras promocións de profesionais da cociña formados cun programa propio e específico, adaptado ás necesidades laborais do sector e financiado exclusivamente con fondos propios.

Despois de dous intentos, a Xunta de Goberno Local aprobou na súa última xuntanza as bases que rexerán o terceiro procedemento de contratación dos servizos de formación en cociña para un período de dous anos, prorrogables por un máis, coa intención de que o centro empece a funcionar o vindeiro ano. O Concello de Carballo destinará á Escola de Hostalaría un total de 308.550 euros, é dicir, algo máis de 100.000 euros ao ano. A partir da publicación do anuncio correspondente no Boletín Oficial da Provincia, as empresas interesadas disporán de 15 días naturais para presentar as súas ofertas.

A calidade, eixo do proxecto

A calidade é o eixo de todo o proxecto, comezando polas instalacións do Fórum Carballo, que están entre as mellores de Galicia. E por iso tamén á hora de seleccionar ao equipo xestor do centro terase en conta, sobre todo, o proxecto formativo, tanto no que se refire ao modelo de organización do servizo e do equipo de traballo como ao currículo do profesorado.

Imaxe correspondente a un showcooking realizado no Fórum

Imaxe correspondente a un showcooking realizado no Fórum

Segundo as condicións establecidas, cada curso constara de 910 horas teórico-prácticas, das que obrigatoriamente 30 destinaranse á realización de demostracións prácticas do traballo (comidas degustación e showcooking) e outras 30 a masterclass. A maiores, o alumnado realizará 240 horas de prácticas profesionais en empresas. Ao longo do curso, as persoas participantes adquirirán formación en aprovisionamento e organización en hostalaría, preelaboración e conservación de alimentos, produtos e técnicas culinarias, cociña tradicional e de vangarda, panadaría e repostería, e seguridade e hixiene na manipulación de alimentos.

En canto aos medios humanos, as empresas deberán acreditar a súa solvencia técnica achegando, como persoal mínimo, un director ou directora vinculado/a ao sector con coñecementos avaliables nun centro de traballo de 10 anos como mínimo, e un técnico ou técnica superior en dirección de cociña con experiencia mínima dun ano como cociñeiro/a. Á hora de valorar os currículos do persoal proposto, ter unha Estrela Michelín, un Sol Repsol, premios a nivel galego ou estatal e experiencia en cursos oficiais de cociña pode supoñer ata 30 puntos, o que demostra a firme aposta pola calidade que se está a facer dende a Concellaría de Promoción Económica.

O obxectivo é converter a escola de hostalería do Fórum Carballo no centro dun proxecto formativo competente e innovador, que satisfaga as necesidades do tecido empresarial, do demandante de emprego e do ámbito territorial local e comarcal. Segundo a Estratexia Española de Activación para o Emprego, as ocupacións con mellores perspectivas de emprego están relacionadas cos sectores e actividades que mostran maior dinamismo: turismo, hostalería, lecer e restauración.

Compartir: