Inicio Carballo ao día Novas O pedibús continuará...

O pedibús continuará estendéndose polo casco urbano coa próxima incorporación do colexio A Cristina

28 nenos e nenas participarán nunha experiencia que trata de reducir o tráfico nas contornas escolares e fomentar a mobilidade peonil e a autonomía infantil

Martes 14 de novembro do 2017

Hoxe celebrouse no salón de plenos unha reunión cun grupo de nais

Hoxe celebrouse no salón de plenos unha reunión cun grupo de nais

O pedibús medra, igual que os nenos e as nenas que participan nel. Despois de varios anos en funcionamento nos colexios Fogar e Bergantiños, este curso poremos en marcha dous novos camiños escolares que terán como destino o CEIP A Cristina. A iniciativa partiu da ANPA coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, a principios de curso, e desde aquela a xunta directiva da asociación está a traballar coa Concellaría de Mobilidade Urbana para poñela en marcha.

O proceso está moi avanzado. A ANPA enviou información a todas as casas e abriu un prazo de inscrición para as interesadas en sumarse. En principio participarán 19 familias, cun total de 28 nenos e nenas que farán xuntos/as o camiño de ida e volta ao cole. De feito, tal como comentan as nais, na Cristina xa é moi elevada a porcentaxe do alumnado que vai a pé, pero a través do pedibús trátase de que se sumen máis e de o fagan dun xeito organizado, reducindo deste xeito o tráfico na contorna escolar, fomentando a mobilidade peonil e contribuíndo a incrementar a autonomía infantil.

Axentes da Policía Local farán un acompañamento exhaustivo durante o proceso de posta en marcha das rutas

Axentes da Policía Local farán un acompañamento exhaustivo durante o proceso de posta en marcha das rutas

Hoxe, en representación desas familias, un grupo de nais mantiveron unha xuntanza na Casa do Concello co alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Mobilidade Urbana, Milagros Lantes; o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, e dous axentes de mobilidade. Milagros Lantes agradeceu a implicación da ANPA do CEIP A Cristina e expresou o seu desexo de que, unha vez rematadas as obras de mellora da accesibilidade na contorna do CEIP Xesús San Luís Romero, o pedibús poida chegar a todos os colexios urbanos. Tamén explicou que por parte da Policía Local existirá un acompañamento exhaustivo durante o proceso de posta en marcha, pero que o obxectivo é que co paso do tempo dos nenos e nenas precisen menos apoio. Neste sentido resulta fundamental establecer rutas o máis seguras posibles e contar coa colaboración tanto de voluntariado acompañante como de establecementos comerciais ou hostaleiros ao longo dos percorridos.

Os próximos pasos consistirán en definir, en función dos lugares de residencia dos nenos e nenas, os percorridos concretos e os puntos de encontro. Nos vindeiros días tamén terá lugar no propio colexio unha xuntanza do alumnado coa Policía Local, que establecerá un primeiro contacto cos rapaces e ofreceralles unha serie de normas básicas. E a partir de aí, xa antes das vacacións de Nadal, agárdase poñer en marcha o pedibús do CEIP A Cristina.

Compartir: