Inicio Carballo ao día Novas A conselleira do Mar visitou os traballos de...

A conselleira do Mar visitou os traballos de rexeneración dos bancos marisqueiros de Baldaio

Rosa Quintana realizou un percorrido de máis dunha hora pola zona da concesión acompañada por mariscadoras/es, técnicas/os e o concelleiro Luis Lamas

Luns 13 de novembro do 2017

A fonte de Santa Helena, que dá o seu nome á asociación de mariscadoras, foi o punto de encontro para unha visita a pé de ría á explotación marisqueira de Baldaio aproveitando a visita que realizou a conselleira do Mar aos traballos de acondicionamento mariño e rexeneración dos bancos marisqueiros que se están a levar a cabo. O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas; o portavoz do PP e deputado autonómico Aurelio Núñez, técnicos/as e mariscadoras/es acompañaron a Rosa Quintana nun percorrido que se prolongou durante máis dunha hora.

A novidade é que en vez de facer o traballo a man, como ata agora, a colaboración da Consellería do Mar permite realizar o arado cun vehículo anfibio co obxectivo de remover o substrato, favorecer a súa osixenación e lograr deste xeito que se produza unha fixación de xuvenís de bivalvos. A finalidade última é a mellora da produtividade marisqueira dun xeito respectuoso co medio ambiente, segundo explicaron desde a consellería.

Precisamente, en relación coa mellora da produtividade, Rosa Quintana felicitou á asociación de Baldaio pola sementeira de ameixa, xa que adaptaron o sistema mecánico para colocar, ao mesmo tempo que se fixo o arado, unha rede que protexe a semente dos depredadores. E ademais anunciou que o seu departamento elaborará un proxecto para actuar nunha zona tradicional de produción de berberecho coa finalidade de evitar a acumulación de area que existe agora mesmo.

Petición do Consello Parroquial de Lema

O concelleiro Luis Lamas aproveitou a visita para trasladarlle á conselleira unha petición do Consello Parroquial de Lema para construír unha pequena pasarela de madeira na zona da fonte de Santa Helena co obxectivo de facilitar o tránsito dos mariscadores/as con marea alta. Rosa Quintana comprometeuse a abordar a solicitude coa Demarcación de Costas, xa que é precisa a súa autorización para poder actuar nese ámbito

Compartir: