Inicio Carballo ao día Novas Evencio Ferrero abordou co xerente de...

Evencio Ferrero abordou co xerente de Xestión Integrada do Sergas a necesidade de máis pediatras no centro de saúde

O alcalde de Carballo aproveitou a xuntanza con Luis Verde para poñer sobre a mesa unha proposta de ampliación de especialidades

Xoves 19 de outubro do 2017

Á mesma hora que un grupo de nais, pais e persoal sanitario se concentraban ás portas do centro de saúde para reclamar máis pediatras, o alcalde de Carballo abordaba esa mesma demanda co xerente de Xestión Integrada do Sergas. Evencio Ferrero transmitiulle a Luis Verde a reivindicación das familias, que están avaladas por centenares de sinaturas e que contan co apoio do goberno municipal, que estivo representado na concentración, e do Concello de Carballo. Segundo explicou o alcalde ao remate da reunión, o representante da Consellería de Sanidade asegurou que intentarán solucionar o problema ampliando o cadro de persoal para que en vez dos 3 pediatras a xornada completa e 1 a media xornada que hai na actualidade pasen a ser 4 a xornada completa.

O alcalde aproveitou a xuntanza para poñer sobre a mesa outras necesidades en materia sanitaria, entre elas a ampliación de especialidades e prestacións para incluír, por exemplo, cirurxía e ecografías, ou a solución aos problemas periódicos de listas de agarda. O xerente de Xestión Integrada achacou eses problemas a circunstancias “temporais”, fundamentalmente derivadas das vacacións estivais, e expresou a súa intención de mellorar a situación pouco a pouco.

Compartir: