Inicio Carballo ao día Novas O Premio Nacional de Teatro Kamikaze Producciones...

O Premio Nacional de Teatro Kamikaze Producciones escolle o FIOT para estrear 2 obras en Galicia

O Certame de Microteatro acolle a estrea absoluta de “Amor de pé”, unha comedia textual de Tukumpas Teatro

Xoves 19 de outubro do 2017 Cultura

O Premio Nacional de Teatro 2017, concedido a Kamikaze Producciones polo seu proxecto Teatro Kamikaze, escolle o FIOT de Carballo para estrear en Galicia, esta fin de semana, dúas das súas obras máis recentes.

Imaxe da obra

Imaxe da obra "Todo el tiempo del mundo", dirixida por Pablo Messiez

A primeira en subirse ao escenario do Pazo da Cultura será este venres 20 de outubro (21 h) “Todo el tiempo del mundo”, obra do autor e director Pablo Messiez, que está considerado como unha das voces máis interesantes do teatro español contemporáneo e que obtivo o Premio Max 2016.

Segundo algúns críticos, as súas obras nunca defraudan e son capaces de conmover ata as pedras. Segundo Hugo Álvarez, de Butaca en Anfiteatro, esta obra contén un "texto fermoso, unha mensaxe conmovedora e actores inspiradísimos". O certo é que nesta produción está acompañado de novo polos actores da compañía Grumelot Teatro, que xa estiveron no FIOT, e tamén traballa da man de Buxman e da xa citada Kamikaze Producciones.

sábado 21 ás 20.30 h, debuta na nosa comunidade o espectáculo “Arte”, unha divertida comedia, que xa é un clásico contemporáneo representado en medio mundo e agora dirixido polo recoñecido Miguel del Arco, considerado como un dos renovadores do teatro actual. Un dos protagonistas desta obra é o popular actor de cine e televisión Roberto Enríquez, presente en grandes éxitos do cine español como AzulOscuroCasiNegro e Gordos.

Estrea absoluta no Certame de Microteatro

A progamación de sala continúa coa compañía belga Okidok, unha das máis sorprendentes e creativas do clown europeo. A súa imaxinación e afán de diversón non ten límites, o que leva a estes artistas a transgredir os códigos, mesturando circo, teatro, intervención, improvisación e humor. Os espectadores poderán comprobar o seu talento en estado puro con “Slips Inside” (domingo 22 ás 20.30 h).

Certame de Microteatro acolle na tarde do sábado 21 de outubro a estrea absoluta de “Amor de pé”, unha comedia xestual do grupo Tukumpas Teatro, na que o amor, a soidade, a paixón e o fracaso son notas fundamentais. Ese mesmo día, en horario de mañá e tarde, o artista Prácido Domingo explorará a capacidade de adaptación das persoas a situación adversas no seu espectáculo “Non hai que ser unha casa para ter pantasmas”.

sábado 21 ás 13 h, na cafetaría A Barra Bar, Camilo Franco volve levar a crítica ao escenario coa Escola do Espectador, na que a asistencia é libre, aínda que sea recomenda previa inscrición no enderezo electrónico fiot.carballo@gmail.com.

Compartir: