Inicio Carballo ao día Novas Asinados os contratos para a execución das...

Asinados os contratos para a execución das obras de reforma de seis locais sociais en cinco parroquias

O Concello de Carballo inviste este ano preto de 800.000 euros en infraestruturas culturais e sociais na zona rural

Xoves 19 de outubro do 2017

O alcalde, co representante da empresa Fonsan Gestión y Construcción SL

O alcalde, co representante da empresa Fonsan Gestión y Construcción SL

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe os contratos correspondentes ás obras de reforma de seis locais sociais en cinco parroquias. O investimento total acada os 333.721,98 euros, pero as actuacións divídense en dous lotes. Por unha banda, Fonsan Gestión y Construcción SL executará os traballos de acondicionamento dos locais de Artes, Rus, Entrecruces e Outón, todo iso cun orzamento de 275.889,95 € (IVE incluído), mentres que IAM Rumbo Instalaciones y Obras SL acometerá os labores de ampliación do centro social de Oza e de edificación dun almacén acaroado á escola unitaria de Sísamo por 57.832,03 €.

Na sinatura do contrato coa empresa Iam Rumbo tamén estivo presente o concelleiro Luis Lamas

Na sinatura do contrato coa empresa Iam Rumbo tamén estivo presente o concelleiro Luis Lamas

As obras, que no primeiro caso teñen un prazo de execución de cinco meses e no segundo de tres, atenderán as peticións realizadas polo movemento asociativo de cada unha das parroquias para acondicionar e mellorar a funcionalidade dos centros sociais. A proposta do Consello Parroquial de Artes, dado que o centro social atópase no primeiro andar do edificio que tamén acolle a escola unitaria na planta baixa, as obras faranse coincidindo coas vacacións.

Ademais destas actuacións, o Concello de Carballo tamén realizou este ano traballos de mellora na antiga escola de Vilela para que poida ser utilizada como local social e acometeu a construción do centro social de Ardaña, un edificio de nova planta que entrará en servizo antes de fin de ano. O investimento total en edificios de uso cultural e social nas parroquias ronda os 800.000 euros.

Compartir: