Inicio Carballo ao día Novas Novos contedores de Humana na parroquia de...

En Carballo dispoñemos agora de 16 puntos nos que poden depositar a roupa que xa non empregamos

Novos contedores de Humana na parroquia de Sofán e no barrio do Chorís para aumentar a reutilización de téxtil usado

Entre xaneiro e setembro recolléronse no noso concello 54.250 quilos de téxtil usado, un 12,6% máis que no mesmo período do ano anterior

Mércores 18 de outubro do 2017

Un dos novos colectores está situado xunto ao Parque do Chorís

Un dos novos colectores está situado xunto ao Parque do Chorís

Cos novos contedores instalados en Sofán e no barrio do Chorís increméntanse ata 16 os puntos de recollida para que os veciños e veciñas do noso concello depositen a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utilizan. Humana Fundación Pobo para Pobo encárgase de darlle a todo este material unha segunda vida cun fin social. A organización, que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil, e que ademais leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España, expresa a súa vontade de asegurar que a cidadanía teña un colector de roupa o máis preto posible, e nesa liña enmárcase a ampliación dos puntos de recollida no noso concello.

O residuo téxtil é a fracción co nivel de aproveitamento máis alto por encima do vidro, o papel ou os envases e, con todo, só una de cada 10 pezas que xa non queremos ten unha segunda vida (desgraciadamente, o resto acaba no lixo); por iso é fundamental aumentar as cifras de recollida selectiva.

En Carballo estamos a contribuír a que iso sexa así. Os colectores do concello recolleron 54.250 kg de téxtil usado de xaneiro a setembro deste ano, un 12,6% máis que no mesmo período do ano anterior (48.159 kg), o que confirma a tendencia á alza da reutilización do residuo téxtil. A recollida de roupa é un servizo gratuíto e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos sólidos urbanos.

Berdillo -na imaxe- e Sofán son as dúas parroquias nas que tamén hai colectores

Berdillo -na imaxe- e Sofán son as dúas parroquias nas que tamén hai colectores

Os novos colectores están situados xunto ao CEIP Gándara-Sofán e na avenida de Bergantiños, xunto ao Parque do Chorís. Pero no noso concello hai outros 14 puntos de recollida: rúa Barcelona, rúa Perú (Centro Comercial Bergantiños), avenida do Ambulatorio (centro de saúde), rúa Luis Calvo (estación de autobuses), Praza Eduardo Pondal, rúa Gravador Manuel Facal, rúa Poñente (estación de servizo), cruce das rúas Río Eume e Mahón, cruce das rúas Gran Vía e Vila de Corcubión, rúa Xílgaro, rúa Orquídea, rúa Igrexa, Centro Social de Sofán e igrexa de Berdillo.

Máis conciencia ambiental

O responsable da área de Recollida de Humana en Galicia, Gustavo Pampín, explica: “Cada vez que reciclamos e reutilizamos contribuímos a protexer o medio ambiente. Promovemos a economía circular, reducimos as emisións de gases de efecto invernadoiro que agravan o cambio climático e creamos postos de traballo. Todo iso é posible grazas ao esforzo que concellos como o de Carballo e entidades como a nosa fan para dotar á roupa dun fin social e impulsar proxectos sociais”.

A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen á protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático: ademais de recuperar as pezas, evítase o seu depósito en vertedoiro contribuíndo á redución da emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI). Cada quilo de roupa que se reutiliza evita a emisión de 3,169 kg de CO2, segundo datos da Comisión Europea. Deste xeito, as 54 toneladas recollidas en Carballo no que levamos de ano representan un aforro de 171 toneladas de CO2 á atmosfera.

Ligazóns

Compartir: