Inicio Carballo ao día Novas Milagros Lantes convida á veciñanza...

Milagros Lantes convida á veciñanza a colaborar para elaborar a mellor estratexia posible de xestión do espazo público

A Concellería de Mobilidade promove ata o 8 de outubro unha serie de actividades encamiñadas a potenciar o uso peonil e ciclista da nosa vila

Sábado 23 de setembro do 2017

A participación veciñal é un dos grandes obxectivos da estratexia de mellora e xestión do espazo público na que está a traballar o Concello de Carballo desde o 3 de maio. Nesa data comezaron a contar os 18 meses de prazo para que a UTE Tema Ingeniería-IPlan Movilidad presente as propostas de actuación a curto, medio e longo prazo establecidas polo conxunto da sociedade a través das canles de participación previstas no propio proxecto.

Algunhas delas puxéronse en marcha nos últimos días coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade. Por unha banda, a empresa adxudicataria do traballo dedicou toda a semana á elaboración de 350 enquisas telefónicas para coñecer os hábitos de mobilidade da poboación de todo o concello, xa que o proxecto non se centra unicamente no casco urbano, senón tamén nas comunicacións entre a vila e o resto das parroquias. Pola outra, o venres pola tarde tivo lugar na Biblioteca Rego da Balsa un acto público no que se deron a coñecer os grandes trazos deste proxecto. E, ademais, nos vindeiros días desenvolveranse unha serie de actividades que tamén favorecerán a participación social.

En definitiva, do que se trata é de dispoñer dun proxecto marco que, como resultado dese proceso de participación cidadá, permita establecer as medidas de intervención no espazo urbano, partindo das premisas de que as persoas sempre terán prioridade sobre os vehículos e de que unha vila que sexa boa para a infancia será boa para toda a sociedade. “Empezamos a traballar dunha maneira un pouco intuitiva, vendo o que facían os demais e tratando de aprender desas experiencias previas, pero agora que xa temos as cousas máis claras queremos que Carballo teña o seu propio modelo de xestión do espazo público”, sinalou a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que aproveitou a presentación do venres para facer un convite á cidadanía a facer chegar as súas propostas e a participar nos grupos de traballo sectoriais que se vaian creando nos vindeiros meses.

Os días 27 e 28 realizaranse enquisas a pé de rúa a ciclistas, peóns e condutores, que, xunto coas consultas telefónicas previas, permitirán establecer un patrón de mobilidade da cidadanía carballesa

A intervención inicial de Milagros Lantes foi reforzada coa exposición, por parte da técnica Mónica Rico, dos traballos que se están desenvolvendo nesta fase inicial de elaboración da estratexia de actuación. Segundo indicou, a vindeira semana realizaranse, durante as xornadas do 27 e o 28, enquisas a pé de rúa a ciclistas, peóns e condutores. Os datos extraídos destas consultas, xunto cos correspondentes ás enquisas telefónicas, permitirannos “establecer un patrón de mobilidade dos cidadáns de Carballo”, dixo. Ese será o documento de partida para a creación de grupos de traballo e a elaboración dunha diagnose participada, froito da cal estableceranse as medidas de actuación a curto, medio e longo prazo.

Técnicos de L2 Ingeniería explicaron o proxecto da cuberta do Parque do Anllóns

Técnicos de L2 Ingeniería explicaron o proxecto da cuberta do Parque do Anllóns

Tamén participou no acto de presentación o equipo técnico da empresa L2 Ingeniería, que elaborou o proxecto da cuberta do Parque do Anllóns. Este espazo, que se converterá no primeiro parque infantil cuberto da Costa da Morte, é un exemplo máis de que con intervencións “sinxelas” é posible conseguir un mellor aproveitamento do espazo público para que os nenos e as nenas poidan gozar del tamén no inverno.

A presentación das iniciativas nas que está a traballar o Concello de Carballo congregou a medio centenar de persoas no auditorio da Biblioteca Rego da Balsa. O público puxo sobre a mesa algúns dos temas candentes, como o peche ao tráfico da rúa Desiderio Varela, ou as carencias en materia de accesibilidade en ámbitos urbanos que están pendentes de desenvolvemento urbanístico. “É verdade que que hai dificultades, porque aínda que se eliminaron moitas barreiras quedan moitas por eliminar”, recoñeceu Milagros Lantes. E, aínda así, Carballo é un modelo a seguir para a asociación Íntegro: “Carballo agora mesmo é o epicentro da inclusión na Costa da Morte, porque un concello inclusivo é un concello que pensa en todos”, manifestou o presidente da entidade, Adolfo López Baña, que foi un dos asistentes.

Descargas



Galería

Compartir: