Inicio Carballo ao día Novas Berdillo e Ardaña pecharán o plan...

Berdillo e Ardaña pecharán o plan integral de mellora das vías secundarias de todo o concello

Tres empresas están a traballar nos proxectos de Cances, Goiáns, Carballo, Sofán, Rus, Entrecruces e Aldemunde, e a partir do venres acometerase un treito pendente en Rebordelos

Mércores 13 de setembro do 2017

Luis Lamas e Evencio Ferrero, nas Maroas, nun percorrido pola parroquia de Sofán

Luis Lamas e Evencio Ferrero, nas Maroas, nun percorrido pola parroquia de Sofán

Tres empresas están a traballar nestes momentos na mellora integral da rede viaria secundaria. Unha vez completada a zona rural de Carballo, que formaba parte do mesmo proxecto, os operarios de Lancer están a rematar o asfaltado tamén nas parroquias de Cances e Goiáns. Construcciones López Cao, pola súa banda, acometeu xa a limpeza e reconstrución das cunetas nos lugares de Casaldares, A Granxa, O Campo e Pazos, na parroquia de Entrecruces, e continúa avanzando neste paso previo á mellora do firme. No mesmo proxecto figura a parroquia de Aldemunde, á que se trasladarán a máquinas a continuación. Da reforma integral da rede viaria de Rus e Sofán encárgase Construcciones Ramón Vázquez y Reino, que xa asfaltou nos lugares de Guitoi, Reboredo, os tres Troián, A Piña, Monte do Rei, As Canelas, Evas, Loureiros e Pedra da Galiña, e ademais xa ten as cunetas preparadas en As Bouzas, Guntián, O Seixal e O Zarrallo.

As máquinas, no Reboredo

As máquinas, no Reboredo

No seu momento quedou pendente a pista Imende-Vilar de Peres-Constenla, na parroquia de Rebordelos. Estes traballos acometeranse a partir de mañá venres, co cal quedará rematado ao 100% todo o ámbito costeiro. Así mesmo, unha vez listas as obras en marcha só quedarán por arranxar as pistas de Berdillo e Ardaña. O goberno municipal agarda iniciar este mesmo mes o proceso de contratación das obras, de maneira que este ano quedaría realizada a mellora integral da rede viaria secundaria de todo o municipio.

O Concello de Carballo iniciará a continuación dous novos proxectos: o de aglomerado das vías estruturantes e o pavimentación con cemento de núcleos rurais singulares. Os aglomerados comezarán polas parroquias de Lema, Noicela, Rebordelos e Aldemunde, e o outro, por O Rodo (Oza). As obras financiaranse con cargo ao superávit do ano pasado.

Compartir: