Inicio Carballo ao día Novas Aumenta a demanda para participar no Programa...

Aumenta a demanda para participar no Programa Concilia durante o curso escolar 2017-18

O prazo de inscrición rematará o vindeiro luns 14, e xa hai solicitudes de praza para 150 nenas e nenos

Venres 11 de agosto do 2017

O Programa Concilia celebrou o ano pasado o seu décimo aniversario

O Programa Concilia celebrou o ano pasado o seu décimo aniversario

A demanda para participar no Programa Concilia vai en aumento, segundo se desprende das solicitudes tramitadas ata hoxe. O prazo de inscrición rematará o vindeiro luns, día 14, e xa se rexistraron peticións de praza para un total de 150 nenas e nenos. O maior incremento prodúcese no CEIP Fogar, que, xunto co Bergantiños, son os que ofrecen o servizo. Unha vez máis volve a haber interese tamén por parte de algunhas familias do CEIP A Cristina, pero a posta en marcha do Concilia dependerá da existencia dun número mínimo de 10 usuarios/as fixos/as durante todo o curso e da preceptiva autorización do centro para desenvolver o programa.

As familias dos nenos e nenas que utilicen o Concilia durante todo o curso escolar tamén poden solicitar o servizo para o período comprendido entre o 1 e o 8 de setembro, cun custe adicional de 8,93 euros/día, tal como establece a ordenanza municipal, con servizo de almorzo incluído para os/as usuarios/as que o utilizan habitualmente. Durante este período extraordinario o servizo desenvolverase no centro de ocio Xolda (rúa Vila de Noia, 74-76) en horario de 07.30 a 14.30.

Ao longo do curso, o Programa Concilia desenvólvese nos propios centros escolares desde as 07.30 ata a hora de entrada nas aulas. Deste xeito, a Concellería de Igualdade e Benestar pretende responder ás necesidades familiares derivadas dos desfases existentes entre os horarios escolares e os laborais. E con ese obxectivo ofrece un servizo de gardaría con persoal cualificado que atende ao alumnado, garante hábitos de hixiene e realiza actividades de ocio e tempo libre. Tamén pon a disposición das familias un servizo de almorzo opcional.

A partir do 15 de setembro abrirase un novo prazo de inscrición para as incorporacións que se produzan a partir de outubro

O prazo de matrícula comprendido entre o 15 de xullo e o 14 de agosto é obrigatorio para poder comezar a utilizar o servizo en setembro. Para as incorporacións que se produzan a partir de outubro abrirase un novo prazo a partir do 15 de setembro. As persoas que desexen máis información poden dirixirse ao Centro de Información á Muller (CIM), no departamento de Servizos Sociais ou nos teléfonos 981 700 688/981 704 706. Toda a documentación e as fichas de inscrición poden descargarse ao final desta nova, e debe presentarse en calquera dos rexistros municipais ou a través da sede electrónica do Concello de Carballo.

Descargas

Compartir: