Inicio Carballo ao día Novas Todas as zonas de baño obteñen a...

PRAIAS

Todas as zonas de baño obteñen a cualificación de “excelente” nas análises que se veñen realizando desde o mes de abril

A Consellería de Sanidade e o Concello de Carballo fixeron nove analíticas en Arnados entre o 26 de abril e o 20 de xullo

Luns 7 de agosto do 2017

A calidade das augas litorais no noso concello é, neste momento, excelente en todas as zonas de baño. Tanto o Concello de Carballo como a Consellería de Sanidade veñen realizando análises desde o mes de abril cuns resultados extraordinarios, xa que a presenza de escherichia coli e enterococo intestinal é practicamente inexistente e está moi lonxe dos niveis permitidos tanto no Real Decreto 1341/2007, sobre xestión da calidade das augas de baño, como na Directiva 2006/7/CE da Unión Europea.

Os controis realízanse nas cinco zonas de baño nas que está dividido o litoral carballés: Razo, Arnados, Pedra do Sal, Baldaio-Saíñas e Ría de Baldaio. En Arnados, onde se teñen detectado problemas moi puntuais de elevada presenza desas dúas bacterias, o Concello de Carballo realizou catro analíticas os días 26 de abril, 12 de xuño, 28 de xuño e 20 de xullo; mentres que a Consellería de Sanidade fíxoas os días 24 de maio, 6 de xuño, 18 de xuño, 28 de xuño e 11 de xullo, e en todas elas tanto os niveis de escherichia coli como os de enterococo intestinal estaban moi lonxe dos parámetros establecidos para que a calidade das augas poida ser cualificada como excelente.

En cumprimento da normativa, o Concello colocou en Arnados un cartel informativo sobre a recomendación de non bañarse nese punto. O letreiro deberá manterse toda a temporada aínda que as analíticas indiquen que a calidade das augas é excelente

Nos documentos adxuntos poden consultarse tanto os resultados das analíticas en todas as zonas de baño como o Real Decreto 1341/2007 e na Directiva 2006/7/CE, nos que se establecen as clasificacións e os niveis de contaminación permitidos en cada unha das categorías. Sen embargo, a clasificación das zonas de baño de cada temporada realízase en función dos resultados obtidos nunha serie de 16 analíticas realizadas na temporada anterior, e de aí que en Arnados se manteña este verán a cualificación de insuficiente aínda que xa non existan problemas de contaminación. Desas 16 análises realizadas, so houbo 3 nas que se superaron os niveis permitidos, pero para que as augas poidan recuperar a clasificación de excelente deberán transcorrer 4 anos sen que se rexistren incidencias, tal como explicou o responsable de Protección Civil, Javier Souto.

En cumprimento da normativa, o Concello de Carballo mantén colocado en Arnados un cartel informativo sobre a recomendación de non bañarse nese punto en concreto. O letreiro deberá manterse toda a temporada aínda que as analíticas sigan indicando que a calidade das augas é excelente.

Ligazóns

Descargas

Compartir: