Inicio Carballo ao día Novas Os Obradoiros de Verán do Horto Infantil...

Os Obradoiros de Verán do Horto Infantil Ecolóxico Municipal entran na última semana

58 rapaces divírtense aprendendo a sementar, adubar, reciclar, plantar, experimentar con arxila ou usar diferentes apeiros

Mércores 19 de xullo do 2017

Os Obradoiros de Verán do Horto Infantil Ecolóxico Municipal chegan a súa última semana. Pechan o vernes 28 logo de un intenso mes nos que os 58 rapaces que participa non só aprenderon un lote de cousas, senón que se divertiron un día si e ao seguinte, tamén. Na actividade os nenos ven vermes, reciclan para o compost, delimitan bancais, fan saquiños de lavanda e o mesmo traballan coas mans que aprenden a empregar apeiros como a forca dobre. A actividade desenvólvese os luns e xoves (un dos grupos dos maiores, nacidos entre 2005 e 2012), os martes e os venres (o outro grupo dos grandes) e os mércores (día único para os máis cativos, os nacidos en 2013).

Que máis cousas chulas pasan no horto? Bótanse fabas, espántanse os paxaros, cócese “té de plátano", repícanse caléndulas, plántanse remolachas, perexil, leitugas ou feixóns, adúbase, seméntase e ata se fan experimentos con arxila segundo unha moi antiga técnica xaponesa que se chama nendo dango, que vén sendo como unha bomba de sementes. Non é tan complicado, e menos se cho explica, así de sinxelo, o coordinador do Horto, Manuel Anxo Pardiñas: “Aprendémoslle aos nenos a, por exemplo, envolver os porros en arxila: primeiro medimos unha cuarta unha cuarta entre plantas, logo facemos un burato co plantador, despois deixamos a planta no burato e, para rematar, tapámolo con cariño”.

Por se non fose dabondo divertido, os rapaces teñen tempo tamén para xogos adaptados (aprender a presentarse, carreiras...) e tamén para os típicos de campamento.
Nestes últimos días de faena, antes de recoller os trebellos, os nenos (ademais dunha actividade sorpresa que pronto saberemos) terán tamén que deixar a horta preparada para o cando volvan á actividade os obradoiros, xa na terceira semana de setembro.



Galería

Compartir: