Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas as obras de reparación...

Adxudicadas as obras de reparación integral das vías secundarias das parroquias de Entrecruces e Aldemunde

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a contratación das infraestruturas para aparcamentos e interior do parque empresarial

Luns 17 de xullo do 2017

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe a adxudicación das obras de reparación integral das vías secundarias de Entrecruces e Aldemunde á empresa Construcciones López Cao por un importe de 125.561,70 euros. Os traballos consisten na limpeza de cunetas de toda a rede viaria e na pavimentación con dobre rego nos treitos nos que se teñen detectado deficiencias.

Nestes momentos xa están executadas, en execución ou contratadas as obras de 16 das 18 parroquias do municipio. Só quedan pendentes Ardaña e Berdillo, onde as obras serán financiadas con cargo ao remanente de tesourería do ano pasado.

Os empresarios do polígono tamén acondicionaron novos espazos de aparcamento

Os empresarios do polígono tamén acondicionaron novos espazos de aparcamento

Tamén foron adxudicadas hoxe as obras de infraestruturas para aparcamentos e interior do parque empresarial de Bértoa, que serán executadas por Lancer Proyectos y Obras por 112.825,49 euros.

Os traballos consisten, por unha banda, na creación de zonas de aparcamento na rúa Bronce, onde haberá 4 prazas para vehículos pesados e 74 para turismos, tres delas reservadas para persoas con discapacidade. Por outra banda, tamén se farán melloras na zona verde, na que se ampliará o espazo destinado a merendeiro. Tamén se repararán os elementos recreativos. A zona quedará separada os carrís de circulación mediante unha pantalla vexetal. No mesmo proxecto inclúese a instalación na rúa do Cobre dunha barreira para o acceso dos vehículos, de xeito que facilite o control nocturno do polígono.

Compartir: