Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo colaborará con...

Aprobado na Xunta de Goberno Local de hoxe o protocolo de cooperación técnica

O Concello de Carballo colaborará con Emalcsa e a UDC na elaboración dunha estratexia urbana sensible á auga

A Concellería de Obras e Servizos establece unha serie de medidas de aforro de auga para concienciar á veciñanza sobre o consumo responsable

Luns 17 de xullo do 2017

A da Praza de Vigo é unha das fontes ornamentais pechadas

A da Praza de Vigo é unha das fontes ornamentais pechadas

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou a súa reunión de hoxe un protocolo de colaboración técnica coa Empresa Municipal de Aguas de La Coruña (Emalcsa) coa finalidade de colaborar no deseño dunha estratexia urbana sensible á auga, na que tamén participará a Universidade da Coruña como socio científico. O proxecto enmarcase dentro do enfoque DUSA, que representa un novo paradigma na planificación e o deseño do medio urbano coa finalidade de minimizar os impactos sobre o ciclo natural da auga e protexer a saúde dos ecosistemas acuáticos. 

O concelleiro Luis Lamas explicou a un equipo de Tele 5 e Cuatro as medidas adoptadas polo Concello

O concelleiro Luis Lamas explicou a un equipo de Tele 5 e Cuatro as medidas adoptadas polo Concello

O Concello de Carballo contará, grazas ao protocolo de colaboración, coa colaboración de Emalcsa, que traballará en coordinación cos servizos técnicos municipais e a empresa concesionaria da xestión do ciclo integral da auga, para a identificación das carencias na xestión das redes municipais de abastecemento e saneamento, e a proposta de solucións sostibles e adaptadas á realidade carballesa. Neste sentido, tal como recolle o convenio, o labor referirase tanto aos elementos de actuación considerados urxentes por considerar un risco para o benestar e a seguridade das persoas e os denominados estratéxicos, de cara á planificación dun futuro sostible desde o punto de vista económico, social e medioambiental.

O representante do Concello de Carballo na comisión mixta que coordinará os traballos será o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. Precisamente, desde este departamento están a adoptarse unha serie de medidas encamiñadas a mentalizar á poboación sobre a necesidade de protexer os recursos hídricos e a fomentar un consumo responsable da auga. Dentro desas actuacións figura, por exemplo, o peche de todas as fontes ornamentais do casco urbano, un xesto co que o Concello de Carballo quere dar exemplo á cidadanía. Luis Lamas considera que a seca deste ano debe facernos reflexionar sobre as posibles consecuencias dun uso irracional dos recursos naturais como a auga.

Compartir: