Inicio Carballo ao día Avisos Os servizos municipais de Turismo e...

Os servizos municipais de Turismo e Promoción Económica trasládanse ao edificio do Museo de Bergantiños

Venres 14 de xullo do 2017

A Concellería de Promoción Económica reorganiza os diferentes servizos que agrupa coa finalidade de mellorar a atención á cidadanía.

Por unha banda, os departamentos de Turismo e Promoción Económica trasládanse ao edificio do Museo de Bergantiños, que amplía deste xeito as prestacións da Oficina de Información Turística e convértese ademais no punto de información, asesoramento e tramitación para empresas a través da Oficina de Promoción Económica (OPE), que tamén xestiona o Horto Infantil Ecolóxico e o Mercado Municipal.

O horario de atención ao público será de 10 a 14, de luns a venres, e o teléfono de contacto, o 981 709 012. As oficinas están situadas no primeiro andar do histórico inmoble, que será a partir de agora o punto de referencia para empresas turísticas e tamén para o resto dos sectores empresariais.

O horario de atención ao público será de 10 a 14, de luns a venres, e o teléfono de contacto, o 981 709 012

Con este cambio, o Concello de Carballo tamén pretende reforzar o papel do Fórum como centro municipal de formación e emprego, que convive ademais con servizos e iniciativas promovidas por outras Administracións como a Oficina de Emprego da Xunta e o Inem ou a Lanzadeira de Emprego que está en marcha nestes momentos.

A Concellería de Promoción Económica está a impulsar un plan de formación propio para persoas desempregadas que tivo o seu primeiro exemplo no curso de metal que vén de rematar esta mesma semana cun balance moi positivo, e ademais pretende potenciar a Bolsa de Traballo (BDT) como unha ferramenta de éxito contrastado nos máis de catro anos que leva en funcionamento.

Compartir: