Inicio Carballo ao día Novas Evencio Ferrero asinou contratos de obras nas...

Evencio Ferrero asinou contratos de obras nas parroquias de Sofán e Rus por máis de 420.000 euros

A empresa carballesa Construcciones Ramón Vázquez y Reino executará os proxectos de mellora da rede viaria nas dúas parroquias e o saneamento do Cotote

Xoves 13 de xullo do 2017

A sinatura dos contratos tivo lugar hoxe na Alcaldía

A sinatura dos contratos tivo lugar hoxe na Alcaldía

O alcalde, Evencio Ferrero, e o xerente da empresa local Construcciones Vázquez y Reino, Diego Vázquez, asinaron hoxe os contratos correspondentes a tres obras que supoñen un investimento superior aos 420.000 euros. Na sinatura tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

Un dos proxectos consiste na execución do saneamento do lugar do Cotote, na parroquia de Sofán, incluído no Plan Provincial de Medio Ambiente. As obras inclúen a instalación de 495 metros de rede de saneamento e 115 de rede de impulsión ata o pozo de bombeo, que tamén forma parte do proxecto. O prazo de execución, incluída a reposición dos bens afectados, é de tres meses, e o custo ascende a 50.844,20 euros.

Os outros dos contratos asinados hoxe supoñen un novo paso na reforma integral da rede viaria da zona rural, xa que inclúen a mellora de todas as pistas asfaltadas das parroquias de Rus, cun investimento de 172.001,50 euros, e Sofán, por 199.226,50 euros.  O Concello de Carballo leva investido ata o momento 1,7 millóns de euros. En breve serán adxudicadas as obras en Entrecruces e Aldemunde e só quedarán pendentes as de Ardaña e Berdillo, que serán financiadas con cargo ao remanente de tesourería do ano pasado. En todos os casos a actuación consiste na limpeza de cunetas de toda a rede viaria e na pavimentación con dobre rego nos treitos nos que se teñen detectado deficiencias.

Compartir: