Inicio Carballo ao día Novas As II Xornadas Empresariais de Bergantiños...

As II Xornadas Empresariais de Bergantiños abordarán os condicionantes da actividade económica, riscos e oportunidades

O alcalde e o director da iniciativa presentaron o programa das charlas que se desenvolverán os días 8 e 11 de maio no Fórum Carballo

Venres 28 de abril do 2017

Carballo acollerá por segundo ano as Xornadas Empresariais de Bergantiños, unha iniciativa de Eurogabinete que se desenvolver no Fórum e que trata de achegar a empresarios, emprendedores e autónomos diferentes cuestións de actualidade relacionadas co desenvolvemento da actividade económica. Este ano os grandes temas serán os condicionantes da actividade económica, os riscos e as oportunidades, segundo explicou o director da iniciativa, Antonio Álvarez, quen fixo especial fincapé na necesidade de contar coa información e a formación suficientes para evitar que cada ano sigan pechando miles de empresas en Galicia. “Hai unha alta porcentaxe de empresas –dixo- que xa non presentan as contas o primeiro ano”.

"Carballo é un dos concellos galegos con maiores posibilidades de desenvolvemento por dispoñibilidade de solo, comunicacións con portos, aeroportos e universidades e empresas locomotora", asegurou Antonio Álvarez

Antonio Álvarez apelou á implicación de administracións, banca, universidades e empresas locomotora para que a recuperación económica “sexa efectiva e se consolide”. Nese sentido, aludiu a Carballo como un dos concellos galegos “con maiores posibilidades de desenvolvemento por dispoñibilidade de solo, comunicacións con portos e aeroportos, ás universidades da Coruña e Santiago e empresas locomotora” como Conservas Calvo, ademais de contar cun “capital humano” importante.

Na mesma liña, o alcalde, Evencio Ferrero, que tamén participou na presentación das xornadas, destacou que Carballo é un dos municipios galegos nos que máis empresas se crean, por riba de cidades como Ferrol, o cal, dende o seu punto de vista “é un bo indicador e demostra, ademais, o auxe dunha zona como a nosa”. Pero Evencio Ferrero considera que tan importante como a creación de empresas é a súa supervivencia, e nese sentido destacou a importancia de xornadas como as que se van desenvolver os días 8 e 11 de maio no Fórum Carballo.  “Se conseguimos que dúas empresas non pechen xa nos conformamos”, engadiu Antonio Álvarez.

O programa completo e os datos para a inscrición, no folleto adxunto.

Descargas

Compartir: